Feijóo pide o apoio para unha maioría ampla que devolva a estabilidade e a gobernabilidade a España

23 Feb 2019

23, febreiro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o apoio para que, o vindeiro 28 de abril, se acade unha maioría ampla, imprescindible para que en España haxa gobernabilidade, estabilidade e un goberno que goberne.

Durante a presentación dos candidatos das comarcas de Louriña, Baixo Miño, Vigo e Val Miñor, o líder dos populares galegos apuntou que cun escenario político tan fragmentado pode non resultar sinxelo, pero aproveitou para recordar as maiorías absolutas acadadas no 2012 en España e hai dez anos en Galicia. Esta última, unha confianza maioritaria que, tal e como indicou Feijóo, deu estabilidade á nosa comunidade, grazas á que crece, é responsable coas súas obrigas, xestiona un orzamento realista e logra máis sanidade pública, máis educación e máis servizos sociais.

 

Neste punto, sinalou que dividir o voto do centro e dereita será dividir as forzas e darlle, polo tanto, máis posibilidades a Pedro Sánchez de repetir a unión con Podemos, nacionalistas e independentistas.

 

Por iso, apelou á inmensa maioría de españois que se senten iguais a que enchan as urnas nos vindeiros comicios para volver á España cordial, na que ningunha persoa estea por riba doutra. “Nin os galegos nin o conxunto de españois nos merecemos que o político con máis poder en España sexa un prófugo da Xustiza desde Bruxelas”, advertiu, e chamou a evitar a que Pedro Sánchez poida “sumar con calquera a cambio de calquera cousa para seguir na Moncloa”.

 

O PP, UNHA ALTERNATIVA ESTABLE E DE XESTIÓN

O líder dos populares galegos incidiu en que o 28 de abril é a oportunidade para que España inicie unha nova etapa cun Goberno que non se deba a ninguén máis que aos españois, que vaia máis aló dunha soa persoa, que teña equipos e capacidade de xestión e que en lugar de proclamas teña proxecto. Tal e como apuntou, España precisa da estabilidade que Pedro Sánchez é incapaz de ofrecerlle. Para Feijóo, só o PP é quen de aportar unha alternativa estable e de xestión. Por iso, avogou por traballar para a volta da racionalidade ao Goberno central: “Temos a obriga moral de que España volva ter un presidente libre”.

 

Por último, garantiu que se o PP volve gobernar en España “Galicia volverá ser respectada polo Goberno central”, a diferenza do ocorrido nos últimos meses, como demostra a proposta de presupostos Xerais do Goberno Sánchez para a nosa Comunidade ou a situación dos afectados polo accidente pirotécnico en Tui “que non poden investir as axudas da Xunta polos problemas de tramitación do Goberno central”.

Síguenos nas redes sociais