Pedro Puy asegura que nos últimos dez anos “Galicia comportouse de forma exemplar no ámbito orzamentario e fiscal de España”

25 Feb 2019
Santiago, 25 de febreiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que, gracias á xestión dos cartos públicos realizada polo Goberno de Feijóo nos últimos dez anos, “Galicia comportouse de forma exemplar no ámbito orzamentario e fiscal do conxunto de España”.
 
 
“Con menos recursos, xeramos menos débeda, pero cunha política fiscal que permitiu o crecemento deixando máis cartos en mans dos cidadáns, mantendo e mellorando o Estado do Benestar e permitindo a recuperación económica”, engadiu.
 
 

 

Pedro Puy fixo un balance do que “levamos feito nos últimos dez anos en materia económica desde o Goberno da Xunta, ao celebrarse o vindeiro 1 de marzo o décimo aniversario dunhas eleccións nas que o PPdeG iniciou en Galicia unha vía política de estabilidade co apoio da maioría dos cidadáns de Galicia”. “En resumo, estamos satisfeitos do traballo feito porque as cifras e os datos avalían a actuación feita desde o Goberno galego”, asegurou.
 
 

 

FONDA TRANSFORMACIÓN
 
 

 

“A crise permitiu á economía galega facer unha fonda transformación de fondo, que explica moitas das cousas que aínda quedan sen resolver, como o nivel de desemprego, pero que da conta do enorme esforzo feito para conseguir que a economía galega estea nunha posición moito máis sólida do que estaba antes do inicio da crise”, indicou. Neste sentido, explicou que a economía ten variado a composición da estrutura produtiva galega, salientando a perda de valor engadido bruto e de emprego do sector da construción, “que estivo na base da crise económica pola burbulla que se xerara e porque non aportaba unha formación que permitise aos mozos que se incorporaban ao mundo do traballo afrontar o futuro unha vez que a burbulla estoupou”. Na actualidade, Galicia “amosa unha imaxe dunha sociedade máis moderna que mantén o pulo tanto do sector agrario como industrial”, dixo.
 
 

 

Esta transformación profunda ter permitido un incremento do produto interior bruto, que pasou de 56.740 millóns en 2009 ata os 64.000 millóns de euros en 2018. Así, apuntou que “o feito de que estea a crecer o PIB per cápita, que chegou a 22.497 euros o pasado ano, é unha boa nova nun contexto no que a demografía está a caer”. Ademais, sinalou que “temos converxido con España (pasando do 87,4 ao 90 por cento) mellorando sete posicións desde o ano 2000 (de ser a 17 comunidade autónoma ao 10 en termos de PIB per cápita)”. “Isto ten que ver cunha boa recuperación da crise económica, cun crecemento interanual que viña dunha caída importante do PIB ata o ano 2013 pero que ven recuperándose nos últimos anos ata superar os niveis previos da crise”, engadiu.
 
 

 

DIMINUCIÓN DO PARO E INCREMENTO DE SALARIOS
 
 


Outro dos aspectos que destacou o portavoz popular foi o índice de produción industrial, que caía un 15,20 por cento no 2009 e no pasado ano se incrementaba un 4,90; o que ten que ver dun xeito directo coa evolución das exportacións, que pasou de decrecer nun 19,40 por cento en 2009 a acadar a cifra récord; cun incremento do 5,4 por cento o pasado ano. “Somos unha comunidade exportadora, capaces de vender fóra máis do que compramos e acadando un superávit comercial que este ano achegarase aos 4.000 millóns de euros”, concretou.

 
 
 
Como consecuencia de todo isto, o paro esta diminuíndo, pasando de destruír 50.000 postos de traballo en 2009 a crear case 30.000 en 2018. A taxa de paro sitúase na actualidade por baixo de 2009 e os custes salariais en Galicia se teñen incrementado de 18.753 a 20.272 euros, o que supón un aumento do 8,10 por cento fronte ao 5,40 de media nacional. “Temos mellorado tamén a porcentaxe de persoas que teñen un emprego indefinido, pasando do 69,6 ao 73,8 por cento, incrementando os traballadores a xornada completa ata o 86,2 por cento”, salientou Puy.
 
 


O portavoz popular lembrou que os gastos non financeiros da Xunta en 2009 eran 10.498 millóns de euros, “dos que 1.600 aínda os estamos a volver como consecuencia das liquidacións negativas”. Nestes anos, “pasamos en 2014 a 8.390 millóns de euros e, como consecuencia da recuperación, agora estamos nos 9.849 millóns de euros que figuran nos orzamentos para 2019”.

 

“Dun déficit de 1.317 millóns de euros en 2010 pasamos a ter un superávit de 130 millóns de euros no 2018, así que ao tempo que se reducía o déficit público, cumprimos os obxectivos de déficit e débeda”, dixo. Tamén recordou que “empezamos a gobernar cun nivel de endebedamento que estaba na media das comunidades españolas (8,6 por cento do PIB) ata chegar ao 18,4 por cento no 2018, o que supón case seis puntos menos que a media das comunidades autónomas”. “Tivemos un comportamento de acordo co pactado con España e Europa, unha circunstancia que se todo o mundo a tivera feito a economía española non tería hoxe a débeda pública como a súa maior vulnerabilidade”, asegurou.
 
 

 

Ao mesmo tempo, neste período fixéronse reformas fiscais a través das que o 98,5 por cento dos galegos pagan menos impostos sobre a renda, o que supón que dispoñen de máis cartos para o seu consumo ou aforro; o 99 por cento dos galegos non paga imposto de sucesións; e nos últimos anos se aprobaron unhas políticas de impostos cero no rural que están permitindo dinamizar os recursos nese ámbito.
 
 

 

REDUCIÓN DE ALTOS CARGOS
 
 

 

Na súa explicación, Pedro Puy tamén se referiu ao apartado de gastos, incidindo na redución do número de altos cargos e de persoal eventual na Xunta. “O Goberno bipartito tiña 236 persoas de confianza e 159 altos cargos, que se rebaixaron a 159 e 88, respectivamente, o que implica que practicamente se teña reducido á metade o gasto anual de retribucións deste persoal na Xunta”, manifestou. Porén, en materia de emprego público houbo estabilidade: cun incremento en sanidade e o práctico mantemento das prazas en educación e xustiza.
 
 

 

Dentro do ámbito dos servizos sociais se ten incrementado sensiblemente o gasto (de 570 millóns en 2009 a 774 millóns en 2019), unha situación que tamén se rexistrou na Sanidade (de 3.766 millóns a 3.984 millóns de euros), mantendo o gasto no apartado de educación (2.404 millóns en 2009 e 2.358 millóns en 2019).
 

 

 

“Todo isto sen perder autonomía financeira, pagando aos provedores moito antes que o conxunto das comunidades autónomas (14 días de media fronte a 33) e sen recorrer ao fondo de pago a provedores que creou o Goberno de Mariano Rajoy para auxiliar ás comunidades autónomas”, salientou.
 
 

 

Puy afirmou que “este reforzo de autogoberno no ámbito financeiro viu acompañado dun reforzo do autogoberno no ámbito do noso entramado institucional”. Así, referiuse á reforma do regulamento do Parlamento, “cumprindo o compromiso de facer desta Cámara o centro da vida política e dando voz aos grupos da oposición, que presentan o 80 por cento de media das iniciativas que se debaten en pleno, e hai un alto índice de acordo en pleno e comisións”.
 
 


Ademais, lembrou que “reforzamos o Consello de Contas, a súa independencia e as súas funcións en prevención da corrupción, nun contexto no que noutras comunidades autónomas reduciron o entramado institucional básico; impulsamos o Valedor do Pobo, dándolle competencias en materia de transparencia; aprobamos a Lei de Transparencia e garantimos que co financiamento público dos partidos políticos e a fiscalización do Consello de Contas do seu gasto sexan moito máis difíciles algunhas actividades que co tempo vimos que estaban relacionadas coa corrupción; e, por último, reformamos o Consello Consultivo estendendo a súas competencias”.

Síguenos nas redes sociais