O PPdeG critica que En Marea traia ao debate do Parlamento iniciativas desfasadas e redundantes sobre a perspectiva de xénero na sanidade

26 Feb 2019
Santiago, 26 de febreiro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo criticou hoxe que En Marea “traia ao debate do Parlamento iniciativas desfasadas e redundantes sobre a perspectiva de xénero na sanidade galega, xa que as liñas que propoñen para resolver este problema xa están a ser exploradas polo actual Goberno galego desde hai tempo”.
 
 

 

En concreto, Encarna Amigo apuntou que a iniciativa de En Marea baséase en informes sobre saúde e xénero dos anos 2006 e 2008, “cando a sociedade e a sanidade pública teñen evolucionado moito desde entón e a actualidade responde máis ben pouco, afortunadamente, á descrición que fan no seu texto”.
 
 

 

DOCUMENTOS ACTUAIS
 
 

 

“Todo o sistema nacional de saúde ten unha guía de práctica clínica de atención no embarazo e puerperio desde 2014; outra guía de atención a mulleres con endometriose, tamén de 2014; o SERGAS conta cun procedemento de intervención ante casos de mulleres en situación de violencia de xénero, así como unha guía informativa para as vítimas sobre os recursos dos que dispoñen”, concretou.
 
 

 

Así mesmo, a deputada popular lembrou que, no ámbito da formación, “hai dous anos aprobouse o decreto polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade galega, ademais dun plan formativo sanitario da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde no que se aborda a formación en prevención e loita contra a violencia de xénero e a igualdade entre homes e mulleres”.
 

 

 

Encarna Amigo tamén se referiu ao protocolo de coordinación interinstitucional ante a violencia de xénero aprobado pola Xunta en 2017, “que no apartado dirixido aos profesionais médicos dalles as pautas para a súa coordinación cos servizos sociais, a administración de xustiza ou as forzas e corpos de seguridade”.
 
 

 

PERSOAL MAIORITARIO FEMININO
 
 

 

“Tamén fala da mellora na sensibilización da problemática específica das mulleres, ignorando anuncios como o feito hai apenas catro meses de creación dun grupo de traballo no SERGAS para contribuír á concienciación social e colaborar no deseño das actuacións e programas públicos en materia de violencia de xénero desde o ámbito sanitario”, engadiu.
 
 


Para rematar, a deputada popular recomendou aos grupos da oposición “a lectura do Plan de igualdade que vén de aprobar o SERGAS, non só para que comproben que é un organismo comprometido coa igualdade, senón para botar unha ollada a datos como que son mulleres o 55 por cento do persoal médico, tanto de primaria como especializada; o 61 por cento do persoal médico de urxencias; o 75 por cento da pediatría; e o 90 por cento da enfermería”.

Síguenos nas redes sociais