O Grupo Popular subliña que a Xunta implantará en xullo novas bonificacións nas peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo e Puxeiros-Val Miñor

26 Feb 2019
Santiago, 26 de febreiro de 2019.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, subliñou hoxe no Parlamento que os usuarios das autoestradas de titularidade da Xunta A Coruña-Carballo e Puxeiros-Val Miñor gozarán a partir do mes de xullo de novas bonificacións do 50 por cento da peaxe, aplicada a todos os vehículos que circulen en horario nocturno.
 
 

 

Martín Fernández lembrou que estes descontos “sumaranse aos xa establecidos pola Xunta en 2010 para estas autoestradas que consisten na rebaixa do 25 por cento nas viaxes de volta no día pagados co OBE”. “Foi a primeira vez na historia da autonomía de Galicia que se baixaron as peaxes das autovías, nun momento xa de crise económica e de baixada de ingresos, que só no ano 2018 beneficiou máis de 100.000 viaxes”, engadiu.
 
 


“Esta rebaixa é a mesma que pedimos agora ao Goberno do Estado para a autoestrada AP-9, nada que o actual Goberno galego non estea xa a aplicar nas autoestradas da súa competencia”, indicou.

 
 

Síguenos nas redes sociais