O Parlamento pide fomentar, en colaboración cos concellos, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade para fomentar a igualdade entre homes e mulleres

27 Feb 2019
Santiago, 27 de febreiro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a fomentar, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade nos que se incorporen a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes.
 
 
Así mesmo, pídese que se impulsen os bancos de tempo coa finalidade de facilitar ás persoas, especialmente aquelas que residan nun concello rural, a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral.
 

 

 

Así mesmo, a proposición non de lei aprobada incorpora que a Xunta continúe desenvolvendo programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero coas entidades de iniciativa social, estendéndoos tamén ás empresas e as entidades locais de Galicia neste 2019.
 

 

 

NOVAS LEIS
 
 

 

A proposta tamén inclúe demandas ao Goberno central, como a aprobación da Lei de Igualdade Salarial, para rematar coa fenda salarial de xénero entre homes e mulleres; e da Lei de conciliación e corresponsabilidade, onde se teña en conta a racionalización horaria e favoreza a compatibilidade do traballo coa vida personal e familiar.
 

 

 

Por último, a proposta solicita, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central, o cumprimento e aplicación de todas as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, con especial consideración aos cambios lexislativos aprobados e recollidos no Pacto.
 

 

 

DIÁLOGO
 
 

 

A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, asegurou que “desde o Partido Popular temos un compromiso para rematar coa desigualdade salarial entre mulleres e homes” e mostra disto é que “co Goberno do PP a brecha salarial colocouse en mínimos históricos, España situouse como o país da zona euro que máis reduciu a brecha, por primeira vez regulamos o dereito ao teletraballo, o dereito á redución de xornada para coidado de fillos, e modificouse o permiso de lactancia e ampliou o permiso de paternidade”.
 
 


Así mesmo, García Míguez demandou diálogo para acadar un pacto nacional para a conciliación laboral e a racionalización de horarios “co obxectivo de lograr unha xornada laboral máis compacta e flexible”.

Síguenos nas redes sociais