Feijóo avoga por sumarse á xente que loita pola igualdade e por afastarse daqueles que a usan como arma partidista

03 Mar 2019

03, marzo, 2019. “Eu non quero imitar aos que usan a igualdade como arma partidista, senón que quero sumarme á xente que usa todas as armas democráticas para garantir a igualdade real e efectiva”, indicou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ao tempo que lamentou que se utilice precisamente este tema como un elemento de confrontación. “Non tratemos a igualdade como unha disputa partidista máis. Celebremos o que conseguimos todos xuntos e reivindiquemos o que nos falta por lograr todos xuntos tamén”, incidiu.

Remarcou que a igualdade é responsabilidade de todos, de homes e mulleres, e na que os partidos políticos teñen tamén o seu papel que cumprir para que non se desande o camiño e se siga subindo, chanzo a chanzo, ata a plena igualdade. Neste punto, avogou por traballar da man para que as mulleres teñan, en todos os eidos e todos os días, os mesmos dereitos, incentivos e recoñecemento que os homes.

 

UN DÍA PARA CELEBRAR E REIVINDICAR

Feijóo apuntou que, para a maioría, o Día Internacional da Muller non é unha xornada nin un asunto para rivalizar, senón para debater e propoñer conxuntamente. É por iso polo que apelou á necesidade de valorar todos os avances logrados en materia de igualdade e de celebrar desde a unidade cada paso adiante.

 

Así, dixo que carece de sentido afirmar que unhas mulleres defenden mellor a igualdade que outras só polo feito de formar parte dun partido político. “Cando Galicia avanza en igualdade, avanzamos todas e todos, sen siglas”, salientou o líder do PPdeG, quen indicou que sentirse parte dese logro colectivo é o que ten que animar a continuar a loitas das nosas avoas e das nosas nais.

 

Para Feijóo, a defensa da igualdade non se fai só o 8 de marzo, senón todos os días do ano; e dixo que o PPdeG non se conforma con que cada vez haxa máis mulleres traballando nin con que as galegas estean en mellores condicións laborais que o resto das españolas; nin con que os mozos e as mozas galegas teñan unha materia sobre educación en igualdade nas escolas que antes non tiñan; nin con que en Galicia haxa máis opcións de conciliación que antes; nin con que se incremente a presenza feminina na ciencia e en postos de relevancia; nin con que as vítimas de xénero teñan recursos xurídicos, económicos, psicolóxicos para facer fronte ao seu drama persoal; ou con que hoxe Galicia teña o maior presuposto en igualdade da súa historia. “Hoxe estamos aquí para dicir igualdade real e efectiva, si; discriminación e machismo, non”, salientou.

 

A IGUALDADE, UNHA TAREFA DE MULLERES E HOMES

Durante o acto conmemorativo que os populares galegos celebraron con motivo do Día Internacional da Muller, ‘Por unha Galicia en igualdade’, Feijóo fixo especial fincapé en que á hora de falar de igualdade “ningún home debe calar ante a discriminación da muller nin debe conformarse cos avances logrados para ela nin tampouco debe renunciar a loitar con todas as mulleres”.

 

O líder do PPdeG recordou que grazas a mulleres como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, María Josefa Wonenburger, así como tamén a miles de mulleres anónimas, que reclamaron xustiza, rompeuse un tempo longo de silencio sen voces que defenderan a igualdade. Dixo, pois, que a igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres é un anhelo e unha tarefa compartida entre mulleres e homes; unha loita que convoca a todos, porque en cada desigualdade que persiste, os homes tamén se deben sentir agredidos; e porque estes teñen a súa cota de responsabilidade á hora de que se acade a plena igualdade.

 

Para Feijóo, “habería moitísima máis igualdade” se ningún home mirase de forma estraña cando unha muller decide libremente dedicarse a unha profesión na que historicamente hai máis varóns; se ningún home fixese ningún comentario machista; se saíse voluntariamente de todos os homes o reparto das tarefas no fogar ou do coidado dos fillos. “E, por suposto, hai máis igualdade cando unha vítima da violencia machista denuncia ao seu agresor; pero habería moitísima máis igualdade se a ningún home se lle pasase pola cabeza levantarlle nunca a man a ningunha muller”, engadiu.

 

IGUALDADE É FALAR DE LIBERDADE

Tal e como subliñou Feijóo, falar de igualdade é falar tamén de liberdade para que as mulleres sexan o que queiran ser “sen estereotipos, sen corsés, sen obstáculos e sen máis impedimento que o seu propio desexo e a súa propia aspiración”. É por iso que dixo que ninguén ten dereito a dicirlle a unha muller “se é mellor ser profesional dun sector ou doutro; se é mellor ser profesional e nai ou só profesional ou só nai; ou se é mellor defender a igualdade nunha folga, nun paro, nunha concentración ou traballando”. “O oito de marzo –continuou- cada muller ten dereito a reivindicar a igualdade real e efectiva como lle pete”.

 

Durante o acto, os populares galegos, a través de Tamara Granja Sánchez –a afiliada máis recente-, fixeron entrega dunha placa conmemorativa –‘Das galegas de hoxe ás galegas de sempre’- a Julia López Varela, unha afiliada de 88 anos, que a recolleu en representación de todas as mulleres que se afiliaron ao PPdeG hai moito tempo.

Síguenos nas redes sociais