Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “A estabilidade de Galicia segue protexendo aos galegos do Efecto Sánchez de destrución do emprego”

04 Mar 2019

4, marzo, 2019.  O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor que a estabilidade de Galicia siga protexendo aos galegos do Efecto Sánchez de destrución do emprego que supuxo a chegada do socialista á presidencia do Goberno. Así, tras coñecerse as cifras do paro do mes de febreiro, a nosa Comunidade é a segunda que rexistra un maior descenso do desemprego.

 

Segundo os datos, contamos con 14.498 parados menos, o que supón unha baixada do 7,70%, superando ao Estado en case dous puntos e medio e situando á Comunidade en niveis de paro de hai dez anos. Ademais, Galicia aumenta un 1,92% (18.822) o número de afiliados, encadeando case cinco anos de subidas consecutivas.

 

Logo da semana na que os populares conmemoraron o décimo aniversario do triunfo do presidente Alberto Núñez Feijóo, o número dous do PPdeG resaltou que “podemos observar que o voto ao Partido Popular foi útil para a creación de emprego e para a mellora de todos os indicadores da nosa economía”. Pola contra, lamentou que o legado que deixará Sánchez logo de apenas dez meses de Goberno será unha economía máis fráxil do que a atopou.

 

Xa na evolución mensual, prodúcese o segundo maior descenso do paro desde a crise, baixando a cifra en Galicia mentres sube no conxunto do Estado. Deste xeito, a Comunidade pasou de rexistrar seis febreiros consecutivos aumentando o número de parados con respecto ao mes anterior (2008-2013) a seis febreiros seguidos diminuíndo o desemprego (2014-2019).

 

Igualmente, a subida das afiliacións é maior que no Estado e supón o segundo maior incremento nun febreiro desde a crise, rexistrándose 176 afiliados máis ao día no último mes. “Galicia resiste á inestabilidade económica que provocou o goberno socialista porque aquí temos unha estabilidade institucional envexada no resto de autonomías”, subliñou Tellado.

 

GALICIA AVANZA NO CAMIÑO DA IGUALDADE

Por outra banda, o secretario xeral salientou a mellora do mercado laboral feminino, no que as 482.302 mulleres afiliadas á Seguridade Social representan case a metade do total; a afiliación aumentou o pasado ano un 2,13%; e seis de cada dez asalariadas contan cun contrato indefinido e a tempo completo, superando a España en case medio punto. Así mesmo, acadamos a menor cifra de paro feminino nun mes de febreiro de toda a serie histórica, o desemprego baixou no último ano nun 6,52%, a taxa de paro feminina é a menor dos últimos dez anos e catro de cada cinco mulleres que abandonaron as listas do paro no último ano eran paradas de longa duración.  

 

“Galicia avanza cara á igualdade efectiva entre homes e mulleres, somos a segunda Comunidade con maior ritmo de crecemento dos salarios femininos e a fenda salarial reduciuse desde o inicio da crise en case catro puntos”, sinalou ao tempo que recoñecía que, malia que queda moito por facer, “temos que ser máis ambiciosos e máis esixentes, sendo imprescindible a implicación de todos os axentes económicos e sociais para seguir por este camiño”.

 

Neste sentido, recordou que o Goberno galego seguirá impulsando o programa Emprego en Feminino co que se traballa para mellorar a incorporación das mulleres no mercado laboral, o seu desenvolvemento profesional e empresarial, e a responsabilidade pola igualdade das empresas. Desde a súa posta en marcha, esta iniciativa xa conta con 35.000 beneficiaras e máis de 60.000 servizos a través de medidas como as axudas para a contratación Emprega Muller, o acceso prioritario á formación, o programa Executivas de impulso a habilidades directivas, axudas ás pemes que implanten plans de igualdade ou medidas de protección da maternidade.

 

Por último, Tellado apuntou que tamén se seguirá apostando por medidas que fomenten a conciliación como a nova Estratexia galega de RSE para que Galicia sexa máis igualitaria, responsable e competitiva; e que, a partir de agora, primarase nos concursos públicos ás empresas que axuden a conciliar.

Síguenos nas redes sociais