Tellado: “Pedro Sánchez só se acordou de vir a Galicia para pedir o voto”

10 Mar 2019

10, marzo, 2019.  O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, lamentou este domingo que “Pedro Sánchez só se acordou de Galicia para vir pedir o voto”. “Hoxe vén á nosa Comunidade como candidato do PSOE á presidencia do Goberno, porque en oito meses como presidente non apareceu por aquí”, destacou nunha entrevista concedida a RNE.

 

Deste modo, o número dous do PPdeG lembrou o “trato discriminatorio” que Sánchez lle dispensou a Galicia durante o seu mandato, que se plasmou no proxecto de Presupuestos Generales del Estado (PGE) nos que propuña un recorte do 25% dos fondos para a nosa Comunidade, mentres os de Cataluña medraban en máis dun 60%. No mesmo sentido, insistiu en que o presidente do Goberno acometeu máis agravios coa nosa terra, ao referirse á súa inacción con industrias electrointensivas como Alcoa e Ferroatlántica, que poñen 5.000 empregos en perigo; á súa política errática en sectores fundamentais como a automoción; á ameaza de peche das centrais térmicas; ou ao retraso na orde de execución das Fragatas F-110, que podía estar asinada o verán pasado e aínda non o está. “En moi pouco tempo, Pedro Sánchez fíxolle moito dano a Galicia”, recalcou.

 

Tellado tamén lle reprochou ao líder socialista a súa “estratexia de propaganda” de aprobar Decretos Lei “sen apoio parlamentario nin orzamento” co executivo en funcións. “Está facendo campaña desde o Consello de Ministros, para que pareza que fai nunhas semanas o que non fixo en oito meses”, sinalou, para afearlle que “ten demostrado que a prioridade de Pedro Sánchez non é España, e nin sequera o PSOE, senón unicamente o propio Pedro Sánchez”.

 

UN PROXECTO CENTRADO NO QUE PREOCUPA AOS CIDADÁNS

Fronte a isto, o secretario xeral incidiu en que os populares se centrarán en explicar o seu proxecto, “centrado nas cuestións que lle preocupan á cidadanía”. “Queremos un país gobernable, no que se baixen impostos, no que a economía creza e se cree emprego; e onde a unidade de España non sexa utilizada para comerciar entre partidos”, remarcou, para insistir en que “Pablo Casado será un gran presidente para Galicia”, como ten expresado nas súas sete visitas destes últimos meses.

 

Ademais, Tellado incidiu en que “se algo temos claro, é que dividir o apoio ao centrodereita beneficia sempre á esquerda”, por iso avanzou en que os populares farán moita pedagoxía en campaña sobre a necesidade de concentrar o voto entorno ás súas siglas.

Síguenos nas redes sociais