Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG considera “indignante que Pedro Sánchez minta e se mofe en A Coruña dos traballadores de Alcoa afirmando que o seu goberno deu unha solución á factoría”

11 Mar 2019
Santiago, 10 de marzo de 2019.- O deputado do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, cualificou hoxe de “indignante que o Presidente do Goberno socialista, Pedro Sánchez, veña a A Coruña a mentir e mofarse dos traballadores de Alcoa, dos coruñeses e de todos os galegos afirmando que o seu Goberno deu unha solución para o mantemento desta factoría, cando a realidade é que en nove meses foi incapaz de atopar unha solución e nin tan sequera presentou un borrador do estatuto para os consumidores electrointensivos”.
 
 
 

 

Gonzalo Trenor criticou que “a falta de vergoña de Pedro Sánchez volveu quedar de manifesto hoxe en A Coruña ao confundir o que lle gustaría que pasase co que realmente está a pasar”. “É lamentable que o Presidente do Goberno falte ao respecto aos traballadores e traballadoras de Alcoa e as súas familias, asegurando que se aprobou un estatuto para os consumidores electrointensivos e que está garantido o futuro desta factoría en A Coruña, cando a realidade é que se está esgotando o tempo e nin tan sequera se presentou un borrador deste estatuto e o futuro desta planta está no aire”, sinalou.
 
 
 

 

“O presidente dun goberno respectable non pode enganar deste xeito aos galegos e galegas, e moito menos ás familias que dependen do futuro de Alcoa na Coruña, que levan meses á espera de que os socialistas traballen e presenten unha proposta de borrador do estatuto de consumidores electrointensivos para facer atractiva a factoría de Alcoa a posibles investidores interesados nesta planta coruñesa”, engadiu.
 
 
 

 

Gonzalo Trenor lembrou que a situación de Alcoa “está directamente vinculada coa falta dunha axenda económica e industrial do actual Goberno socialista, que non está dando respostas ao que precisa o sistema produtivo galego e os 5.000 empregos asociados”.
 
 
 

 

“Resulta paradigmático que, mentres Pedro Sánchez mentía no mitin socialista respecto da suposta solución ao problema de Alcoa, os traballadores desta factoría se manifestaban no exterior pedíndolle que aprobara medidas que garantan un prezo eléctrico industrial estable que garanta a actividade e os postos de traballo na fábrica coruñesa”, lamentou o deputado popular.
 
 

 

DESLEIXO E DESPREZO DO GOBERNO SOCIALISTA
 
 

 

Para rematar, Trenor indicou que “os galegos estamos a sufrir, unha e outra vez, o desleixo e o desprezo do Goberno central socialista con Galicia, tanto a través dun proxecto de orzamentos que menosprezaba os investimentos en Galicia como na busca de solucións á situacións preocupantes como a que viven os traballadores de Alcoa”.
 
 


“O que quedou demostrado é que o PSOE está máis centrado en facer campaña electoral para manterse no Goberno de España, sustentado por populistas e independentistas, cunha política de bos xestos e enganos á cidadanía pero de cero solucións aos problemas que padecen”, manifestou.

Síguenos nas redes sociais