Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy considera que “non é serio nin respectuoso cos traballadores que Pedro Sánchez afirme en A Coruña que o problema de Alcoa está resolto”

11 Mar 2019
Santiago, 11 de marzo de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe no Parlamento que “non é serio nin respectuoso, tanto para os traballadores como co conxunto dos cidadáns galegos”, que o Presidente do Goberno do Estado anunciara onte en A Coruña que “o problema de Alcoa xa estaba resolto, cando hoxe mesmo se vai celebrar unha nova xuntanza da mesa de seguimento do borrador do estatuto dos consumidores electrointensivos”.
 
 

 

Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación dando traslado da “máis enérxica repulsa do Grupo Popular pola morte violenta de dúas mulleres galegas esta fin de semana en Madrid e Valga” vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, amosou o “apoio ás familias” e afirmou que “só poderemos acabar con esta lacra desde a loita do conxunto da sociedade, axudando ás mulleres que están en situación susceptible de padecer violencia de xénero”.
 
 

 

Así mesmo, o portavoz popular trasladou o pésame á familia da cooperante galega que faleceu onte no accidente aéreo en Etiopía. Puy fixo un recoñecemento de “a ela e a todos os cooperantes galegos que están a dar mesmo a súa vida por un traballo humanitario de auxilio ás persoas que o necesitan en moitos lugares do mundo”.
 
 

 

PREZO ESTABLE Á ELECTRICIDADE
 
 

 

Cuestionado sobre a situación da empresa Alcoa, Puy asegurou sentirse “moi sorprendido co afirmado onte polo Presidente do Goberno do Estado en A Coruña, asegurando que o problema desta factoría xa estaba resolto”. Neste sentido, lembrou que “hoxe mesmo vaise celebrar unha nova xuntanza da mesa de seguimento do borrador do estatuto dos consumidores electrointensivos”.
 
 

 

“Tanto desde o Parlamento galego como desde o Goberno galego vimos denunciando que sen ese estatuto, que da estabilidade aos prezos da enerxía eléctrica a estes grandes consumidores, ía haber problemas tanto para Alcoa como para outras empresas como Ferroatlántica”, sinalou o portavoz popular.
 

 

 

Deste xeito, demandou que o Goberno central “leve hoxe á reunión un texto que permita ser máis optimistas do que somos agora mesmo, porque á inacción do Goberno do Estado sumouse onte unha certa ignorancia do seu Presidente ao anunciar o que non está a facer”.
 

 

 

Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, o portavoz popular lembrou que a orde do día inclúe a comparecencia dos conselleiros de Sanidade, para falar da reforma da atención primaria; e de Cultura e Turismo, para dar conta dos proxectos deste departamento, en especial a organización do vindeiro Xacobeo 2021.
 

 

 

POLICÍA AUTONÓMICA E ÁREA METROPOLITANA DE VIGO
 

 

 

O Grupo Popular defenderá neste Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo que o Goberno do Estado articule un concurso de méritos na Policía Nacional de xeito que se cubran as vacantes existentes da unidade de Policía Autonómica adscrita a Galicia. Puy lembrou que a plantilla prevista é de 500 axentes, dos que chegouse a contar con 475 efectivos no ano 2013 cun Goberno do PP. “Actualmente faltan máis de cen membros”, lamentou, para destacar que este corpo policial “asume en Galicia competencias relativas tanto na protección de mulleres vítimas de violencia de xénero como na loita contra os incendios forestais ou contra o furtivismo no marisqueo.
 
 


Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Concello de Vigo retorne ao consenso cos demais concellos da área metropolitana e a Xunta de Galicia e cumpra o convenio asinado en 2016 para a posta en marcha tanto da área en si como do transporte metropolitano asociado.

Síguenos nas redes sociais