Feijóo: "Os galegos non lle imos dar un minuto máis na Moncloa a un presidente que non lle preocupou Galicia nin un só minuto"

14 Mar 2019

14, marzo, 2019. “Os galegos non lle imos dar un minuto máis na Moncloa a un presidente do Goberno que non lle preocupou Galicia nin un só minuto do seu tempo”, indicou o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo que a única preocupación de Pedro Sánchez é el mesmo.

Durante un mitin en Sarria, onde estivo acompañado polo candidato á Alcaldía, José Antonio García, e pola presidenta provincial, Elena Candia, o líder do PPdeG fixo fincapé en que a proposta de Pedro Sánchez é prolongar un goberno que non funcionou para España e que está en permanente débeda co populismo, co nacionalismo e co independentismo. Neste senso, recalcou que os socialistas, en vez de gobernar para todos os españois, só o fan para os seus socios. E é que, tal e como recordou, presentou uns orzamentos xerais que recortaban un 30% os investimentos para Galicia, mentres noutros lugares subían un 60%.

 

O presidente dos populares galegos subliñou que o que propón o líder dos socialistas é darlle continuidade a un goberno moi áxil para a publicidade, pero moi preguiceiro para aportar solucións. Neste punto, Feijóo referiuse á situación de Alcoa e a do sector enerxético e, tamén, á reclamación do Goberno galego para poder empregar o superávit de 2018, que no caso de Galicia son 125 millóns de euros, e poder destinalo así a políticas sociais.

 

Así, incidiu en que o vindeiro de 28 de abril os galegos teñen a oportunidade de poñer fin a un goberno cun presidente que empregou o Falcon para ir de concerto e para visitar 20 países e 16 comunidades autónomas, pero que, pola contra, “non tivo nin un día para visitar Galicia como presidente do Goberno”, pero si para vir pedir o voto nun mitin o pasado fin de semana.

 

O PARTIDO DAS PERSOAS

O líder do PPdeG salientou que o Partido Popular é a única formación que ten un proxecto propio, un equipo e un candidato. Asegurou que “o PP non é un partido grande que pon franquicias despersonalizadas alí onde pode”, senón que nace das persoas que hai en cada pobo, comarca e parroquia de Galicia e España, o que “fai que sexamos un gran partido”.

 

Así, Feijóo remarcou que se os galegos queren que goberne o candidato do Partido Popular, e non outros de forma directa ou indirecta, non se pode dividir o voto. “Só hai unha formula segura: o voto directo ao PP”, porque tal e como apuntou o presidente dos populares galegos, o resto tan só son presuposicións e carambolas. Segundo afirmou, nin a Sarria nin a Galicia nin a España lle vén ben que goberne unha combinación de socialistas, populistas e nacionalistas como o goberno de Pedro Sánchez, ao que se favorece, precisamente, cando se dividen as forzas. Por iso, Feijóo avogou por un goberno estable e un goberno que goberne, como o que se acadou en Galicia tras unir o voto.

Síguenos nas redes sociais