O PPdeG critica que “o descoñecemento leve aos responsables do BNG a dicir disparates sobre as plantacións de eucalipto”

18 Mar 2019
Santiago, 15 de marzo de 2019.- O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, criticou hoxe que “o descoñecemento dos representantes do BNG respecto da política forestal do Goberno galego lévaos a dicir disparates como que a Xunta remitiu datos falsos á Comisión Europea respecto das plantacións de eucalipto”. “Non se pode confundir a planificación contemplada no Plan Forestal de Galicia, actualmente en plena elaboración, co Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), que é o que realmente supervisan as autoridades europeas”, sinalou.
 

 

Moisés Blanco negou que o PDR prohiba plantar eucaliptos. “O que fai e non subvencionar a súa plantación, que non é o mesmo”, concretou. Neste sentido, lembrou que “o 98 por cento do monte galego é privado e os particulares teñen dereito a plantar nos seus terreos o que consideren máis acaído, sempre que se cumpra co marco legal vixente, e a Xunta o que fai é regular esas plantacións, establecendo, por exemplo, a prohibición de plantar en Rede Natura, en solo agrícola e mesmo, recentemente, en montes de xestión pública”.
 

 

 

Así mesmo, fronte á afirmación nacionalista de que o eucalipto “elimina a economía” ou “acurrala” outras producións agrogandeiras, o portavoz popular sinalou que “é unha especie xeradora de riqueza e emprego en Galicia”. A modo de exemplo, sinalou que máis de 80.000 propietarios forestais teñen ingresos anuais polas cortas de madeira en Galicia, o que se traduce en que arredor do 12 por cento das familias galegas perciben un ingresos por este concepto que se achegan aos 300 millóns de euros. “A maior parte destes aproveitamentos corresponden ao eucalipto, xa que o propio sector recoñece que máis da metade das cortas de madeira en Galicia son desta especie, superando o nivel dos 5 millóns de metros cúbicos anuais”, concretou.
 

 

 

NECESIDADE DE REGULAR ESTA ESPECIE
 
 

 

Moisés Blanco incidiu na “necesidade de regular esta especie, e así se fai na revisión do Plan Forestal de Galicia e se recolle no ditame da comisión de estudo que levamos a cabo no Parlamento galego, onde se contemplan recomendacións sobre o control do eucalipto e se establecen novas limitacións das plantacións”.
 
 


“O Plan Forestal planifica un equilibrio dos diferentes usos, de forma que a  metade do territorio forestal da Galicia queda reservado para frondosas caducifolias e espazos abertos”, asegurou Blanco, quen avogou por “garantir un monte sustentable tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, asegurando un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal, que van desde os propiamente madeireiros ata os relativos a pastos, castañas, cogomelos, froitos e mesmo aos usos lúdicos e sociais”.

Síguenos nas redes sociais