O PPdeG reiterará no Pleno a demanda ao Goberno central para que fixe un marco enerxético estable e competitivo para o sector electrointensivo

20 Mar 2019
Santiago, 20 de marzo de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se reitera ao  Goberno do  Estado a demanda para o establecemento dun marco enerxético estable e un prezo eléctrico competitivo para o sector electrointensivo, dada a situación de urxencia que está a atravesar a industria electrointensiva galega, en especial empresas como Alcoa ou Ferroatlántica. Ademais, na mesma sesión plenaria solicitará á Xunta que manteña o apoio aos profesionais que traballan no campo a tempo parcial, impulsando medidas para fomentar e protexer a súa actividade.
 
 

 

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lembrou que “levamos varias semanas asistindo con preocupación ao futuro da factoría de Alcoa  en A Coruña, á que agora súmase a incerteza sobre a factoría que esta empresa ten en San Cibrao, pero tamén á situación que viven outras empresas electrointensivas galegas como Ferroatlántica, das que dependen arredor de 5.000 postos de traballo”.
 
 

 

BORRADOR INSUFICIENTE
 
 

 

Neste sentido, cualificou o borrador do estatuto das empresas electrointensivas presentado polo Goberno central como “un auténtico fiasco, que non recolle as propostas realizadas pola Xunta de Galicia que foron consensuadas co sector galego”, polo que anunciou a presentación de alegacións a este documento.
 

 

 

“Os galegos debemos alzar a nosa voz en contra dun borrador de estatuto que é insuficiente para defender un sector estratéxico da economía galega, onde non se fala nada de crear a figura do consumidor hiperelectrointensivo, nin de reducir un 90 por cento as peaxes de acceso, nin de compensacións por emisión de CO2, nin de que o estatuto terá carácter retroactivo para poder aplicarse desde o 1 de xaneiro”, concretou.
 
 

 

Miguel Tellado afirmou que este borrador, “despois de nove meses do goberno socialista de Pedro Sánchez, chega tarde, mal e arrastras; e a conclusión á que se chega é que non existe unidade de acción, xa que o documento se colgou na web do Goberno sen previo aviso e os propios traballadores xa advertiron que non ofrece solucións, ademais de que en vez de aportar solucións ás empresas electrointensivas xera máis incerteza e inestabilidade”.
 

 

 

DEFENDER OS INTERESES DE GALICIA
 
 

 

“Basta xa da loita entre partidos e toca defender os intereses de Galicia ante un ataque que non ten precedentes por parte do Goberno socialista de Pedro Sánchez”, subliñou o viceportavoz popular, quen lembrou que “un día tras outro estamos a ver permanentemente agravios do Partido Socialista con Galicia: no sector da automoción, co dieselazo e a posta en dúbida dun sector estratéxico; a ameaza a 5.000 postos de traballo nas empresas electrointensivas; a fallida transferencia da AP-9; centrais térmicas, unha xa anunciou o peche e o goberno quere que a outra peche antes do prazo que teñen autorizado; ENCE, unha nova ameaza a postos  de traballo directos e de toda a industria forestal; sector naval, aí tiñan que estar as fragatas F-110 construíndose desde xullo de 2018 e nada se sabe da orde de execución; seguimos reclamando os 200 millóns do IVE pendentes da última mensualidade de 2018; solicitamos os 170 millóns das liquidacións negativas por cumprir os obxectivos de déficit e débeda; e agora reclamamos poder investir en sanidade e servizos sociais os 120 millóns do superávit do pasado ano”.
 

 

 

“O Goberno central nin fai nin deixa facer, e por este motivo o Grupo Popular levará ao vindeiro pleno unha proposición non de lei a través da que reiteramos a necesidade de establecer un marco enerxético estable e un prezo eléctrico competitivo consensuado co sector electrointensivo”, sinalou.
 

 

Miguel Tellado informou que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria unha segunda proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta de Galicia que siga protexendo aos traballadores que traballan a tempo parcial no campo galego, impulsando novas medidas que garantan e potencien este xeito de desenvolver unha actividade no rural que sirve para poñer en valor a terra produtiva, manter unha actividade económica, ter coidadas e limpas as parcelas, e axudar na loita contra os incendios forestais.
 

 

 

ASBESTO, PROGRAMA NELSON MANDELA E XULGADOS DO SOCIAL
 
 


Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o viceportavoz popular indicou que “nos interesaremos pola creación dunha unidade de referencia para a diagnose e asesoramento sobre as patoloxías relacionadas coa exposición ao asbesto, principalmente na área sanitaria de Ferrol; o balance do programa Nelson Mandela de inclusión e integración social das persoas en situación de reclusión en centros penitenciarios; e a decisión do Ministerio de Xustiza de apartarse por vez primeira da proposta de creación de novas unidades xudiciais solicitadas de xeito consensuado pola Comisión Mixta formada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Xunta”.

Síguenos nas redes sociais