Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento demanda ao Ministerio de Xustiza a creación inmediata dun novo Xulgado do Social en Lugo

12 Jun 2019

Santiago, 12 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que, de xeito inmediato, rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 incluíndo a creación dun Xulgado do Social para a cidade de Lugo.

 

 

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, acusou á ministra de Xustiza e á alcaldesa en funcións de Lugo de “mentir aos lucenses, e aos galegos en xeral, ao anunciar un novo xulgado de reforzo, cando a realidade é que se trata da implantación dun plan extraordinario de reforzo exclusivamente para asuntos de despido nos xulgados de Lugo, apoiado nun informe anterior do Consello Xeral do Poder Xudicial”.

 

Paula Prado lembrou que a Xunta de Galicia “adiantou desde o primeiro momento ao Ministerio de Xustiza a súa disposición a acoller a totalidade do número de unidades que lle puideran resultar asignadas, que o Ministerio fixou en tres”.

 

XULGADO NECESARIO

 

Neste sentido, lembrou que a Comisión Mixta entre o Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta fixo unha proposta unánime en decembro de 2018 para a creación de tres novos xulgados do social: en Lugo, Santiago e Vigo. No mes de febreiro, o Ministerio de Xustiza trasladou á Xunta que o seu proxecto de creación de unidades en Galicia serían un maxistrado na sección 2ª da Audiencia Provincial de A Coruña, o Xulgado de Primeira Instancia número 14 de A Coruña e o Xulgado do Social número 6 de Vigo.

 

“Á vista de que este proxecto ministerial se afastaba da proposta formulada por Galicia e omitía a creación de novos xulgados do social en Santiago e Lugo, a Xunta reiterou a petición realizada no seu día, conseguindo que o Ministerio rectificara co anuncio da creación dun novo Xulgado do Social en Santiago”, explicou.

 

Paula Prado indicou que “queda o de Lugo como xulgado necesario e que debe ser creado pola carga de traballo que, segundo os módulos aprobados polo Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial, deben presidir estas decisións”. En concreto, dixo os xulgados do social de Lugo ingresaron no pasado ano 2018 unha media de 1.181 asuntos, o que os sitúa nun 148 por cento do módulo e mostra a necesidade de crear un novo xulgado nesta cidade.

 

REFORZO PARA DESPIDOS

 

Respecto do anuncio realizado pola ministra de Xustiza á alcaldesa de Lugo sobre a dotación dun novo xulgado para Lugo, Prado dixo que “o que non explicaron é que esa solución consiste unicamente nun reforzo para asuntos de despido nos xulgados do social, apoiada nun informe anterior do Consello Xeral do Poder Xudicial”.

 

“É dicir, o reforzo só se encargará de asuntos de despido, non dos demais procedementos que levan no día a día os xulgados do social, sendo polo tanto prioritario a creación do novo xulgado do social, o número catro, en Lugo”, manifestou a viceportavoz popular.

Síguenos nas redes sociais