Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Adrián Pardo destaca que Galicia é a comunidade co Sistema Universitario máis accesible de España

19 Jun 2019

Santiago, 19 de xuño de 2019. O presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, destacou hoxe en rolda de prensa que a nosa Comunidade é a que presenta maior accesibilidade no seu Sistema Universitario, sinalando que “Galicia conxela por noveno ano consecutivo os prezos das matrículas universitarias de graos e de másteres habilitantes”.

 

Así, recalcou que “mentres outros só poden sacar a pasear colchóns, os mozos galegos poden sacar con orgullo á rúa os prezos públicos das universidades galegas”, en clara referencia á forma de xestionar a educación entre os gobernos do Partido Popular e o do bipartito, “que destrozou a educación pública galega cunha taxa de fracaso escolar que dobra a actual”.

 

Nese senso, recomendoulles a socialistas e nacionalistas “deixar de pisar ás alfombras para pisar máis o céspede dos campus universitarios e así entender a mocidade galega”.

 

Como precisou, o sistema educativo de Galicia “nunca estivo tan ben como agora”, explicando que iso é garantía do futuro da nosa Comunidade e da creación de emprego. Igualmente, puxo en valor que a mocidade galega nunca estivo tan formada e preparada como na actualidade, polo que fixo fincapé na importancia de seguir ofrecendo unha educación de calidade, que traballa na equidade, na inclusividade e na igualdade, e apostando polas TICs, pola FP dual ou polo coñecemento de idiomas.

 

UNIFICAR AS PROBAS DA ABAU

Por outra banda, Adrián Pardo declarou a necesidade de unificar as probas da ABAU para garantir a igualdade de oportunidades entre o estudantado español.

 

Segundo manifestou, “o actual sistema de acceso a universidade só xera desigualdades entre os estudantes das diferentes autonomías” e non considera lóxico “que no balance das notas da ABAU as comunidades cun maior nivel académico, como acontece con Galicia, estean por debaixo da media”.

 

Deste xeito, Novas Xeracións de Galicia entende que con este sistema ás autonomías con mellores índices académicos resultan moi prexudicadas nun sistema que conta cun distrito único na mobilidade en función das notas das probas, pero non no deseño das mesmas e nos seus niveis de esixencia.

 

As mocidades do PPdeG poñen como exemplo as probas do MIR ou o exame de acceso a avogacía que teñen carácter unificado en todo o territorio nacional, e critican ao Goberno de Sánchez porque, malia contar con dous ministerios para temas educativos, é incapaz de presentar unha proposta que atalle o problema.

Síguenos nas redes sociais