Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG apoia solicitar ao Goberno do Estado as competencias de xestión das bolsas de axuda ao estudo

09 Jul 2019

Santiago, 9 de xullo de 2019.- O Grupo Popular apoiará no Pleno a solicitude ao Goberno  do Estado para que transfira a Galicia as competencias de xestión das bolsas de axuda ao estudo, así como os recursos económicos correspondente a elas.

 

“Facemos este apoio explícito por pura coherencia coa traxectoria do PPdeG, tanto no Goberno da Xunta como nesta Cámara”, manifestou a portavoz de Educación, María Antón Vilasánchez, quen recordou que xa en 2010, no seo da Comisión Bilateral, esta era unha das competencias da listaxe solicitada polo Goberno galego ao Goberno central.

 

María Antón afirmou que o PPdeG “ten clara a súa posición: aspiramos a máis e mellor autogoberno, conforme ao noso estatus constitucional de nacionalidade histórica; queremos avanzar na defensa do noso autogoberno real, de acordo cun plan ordenado e establecendo prioridades; e reservámonos o dereito a valorar se a Galicia lle convén asumir calquera outra competencia que sexa transferida a outra comunidade autónoma”.

 

Neste sentido, a portavoz popular subliñou que a proposición non de lei menciona a transferencia da competencia en materia de bolsas de axuda ao estudo e os recursos económicos correspondentes. Deste xeito, “cando se fala de recursos entendemos que vai implícito o custe efectivo dos medios persoais, materiais e informáticos requiridos para desenvolver, con solvencia, as funcións correspondentes á Administración autonómica”, concretou.

 

Antón Vilasánchez lembrou que a propia conselleira de Educación afirmaba na anterior sesión plenaria “a disposición do Goberno galego para estudar con rigorosidade a necesidade de orzamentos e recursos humanos para facer efectivas as competencias de bolsas universitarias a Galicia”. “Esta aseveración era parte dunha declaración de intencións do Goberno galego para abordar diferentes cuestións co Ministerio de Educación, referentes ao ensino e ás universidades galegas, entendendo que Galicia quere defender as súas singularidades e o seu modelo”, indicou.

 

“Un modelo baseado na calidade e aposta polo talento, pero tamén na eficiencia, na equidade e na igualdade de oportunidades”, rematou.

Síguenos nas redes sociais