Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular solicita a creación dun Observatorio Galego do Xogo dentro da nova Lei que está a elaborar o Goberno galego

12 Ago 2019

Santiago, 12 de agosto de 2019.- O Grupo Parlamentario Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita a creación dun Observatorio Galego de Xogos, dentro da nova Lei que o Goberno galego está a elaborar. Así mesmo, demándase que entre as funcións deste observatorio estea elaborar un protocolo de menores en materia de xogo, así como un informe anual sobre o xogo na Comunidade galega.

 

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou hoxe en rolda de prensa que o Goberno galego está a tramitar un anteproxecto de Lei de xogos de Galicia, co que se pretende axustar a normativa existente na materia á realidade actual introducindo maiores controis de acceso ao xogo por parte dos menores; maiores restricións en materia de publicidade no xogo presencial; actualizar o réxime sancionador; medidas de planificación dos establecementos de xogo e das máquinas recreativas e de apostas; así como recoller principios reitores da actividade de xogo e políticas de xogo responsable.

 

COÑECER, ANALIZAR E DIFUNDIR

 

“Deste xeito, consideramos necesario que neste novo texto lexislativo se incorpore a creación dun Observatorio Galego de Xogos, que será o encargado de coñecer, analizar e difundir a situación xeral do sector na Comunidade galega”, sinalou Prado. Ademais, este Observatorio serviría para detectar fenómenos e aspectos emerxentes en relación co xogo e a súa percepción social, analizar o impacto das políticas públicas de xogo no sector empresarial, nas persoas xogadoras e na sociedade en xeral; intercambiar información co resto de institucións a nivel autonómico e estatal, así como realizar investigacións e estudos específicos en materia de xogo.

 

Paula Prado apuntou que este Observatorio “tamén se encargará de elaborar un informe anual no que se recollan todos os datos relativos aos expedientes de xogo tramitados en Galicia, o número de establecementos de xogo, o número de máquinas recreativas e de apostas, o total de expedientes sancionadores, así como o número de altas e baixas no Rexistro Autonómico de Prohibidos”.

 

A viceportavoz popular recordou que “os menores teñen prohibido o acceso a todos os establecementos de xogo, así como a práctica dos xogos”. Por este motivo, considera necesario que desde o Observatorio Galego de Xogos “se elabore un protocolo de menores en materia de xogo que recolla o conxunto de actuacións dos diferentes axentes implicados nos problemas que puideran xurdir en relación cos menores e os establecementos onde se practican todo tipo de xogos, así como o mellor xeito de proceder nestes casos concretos”.

Síguenos nas redes sociais