Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo pide unirse no PP nas urnas para que ningún voto para un cambio de Goberno se quede sen escano

04 Nov 2019

4, novembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu a unión no Partido Popular para que ningún voto para un cambio de Goberno se quede sen escano. Do contrario, segundo sostivo, o PSOE logrará que a súa estratexia de dividir o voto de centro-dereita funcione e o país seguirá na mesma situación de inestabilidade e inacción.

Durante un mitin en Santiago, o líder dos populares galegos incidiu en que só se producirá un cambio no Goberno de España se os españois que votaron divididos en abril se unen no Partido Popular. E referiuse a que os votos a Ciudadanos e a VOX, que as enquisas din que non acadarán escanos -como en Galicia-, acabarán favorecendo directamente ao PSOE.

 

OS SOCIALISTAS XA NON CONVENCEN

Ante a falta de xestión, de balance e de compromisos cumpridos, apuntou que ao PSOE só lle queda agarrarse a que o centro-dereita vote dividido, de aí que, durante a campaña, tente darlle todo o protagonismo mediático a VOX. Porque, despois destes meses de tanta irresponsabilidade, frivolidade e parálise, os socialistas xa non convencen.

 

Fronte a isto, o presidente dos populares galegos avogou por sumar as forzas o próximo domingo por todo o que une aos españois e indicou que, tras dúas lexislaturas fracasadas de Pedro Sánchez, o 10 de novembro o fracaso ten que ser dos seus responsables e non dos españois. Así, recordou que as dúas eleccións xerais deste ano son resultado dun Executivo incapaz de gobernar e de formar goberno.

 

UN EXECUTIVO QUE TEÑA EN CONSIDERACIÓN A GALICIA

O líder dos populares galegos salientou que, do mesmo xeito que España precisa dun goberno como o da Xunta, Galicia necesita dun Executivo de España que a respecte e a teña en consideración. Asegurou que o Goberno galego vai seguir facendo todo o que estea na súa man para contrarrestar a inestabilidade, os prexuízos e os incumprimentos dun PSOE que non ten a Galicia nas súas prioridades. Neste punto, afeou a baixada de investimentos nos orzamentos de Pedro Sánchez, os problemas xerados aos traballadores da industria galega e o atraso en infraestruturas como o AVE. Por iso, insistiu en que o próximo non pode ser un novo incumprimento do PSOE con Galicia, senón un Goberno que cumpra coa nosa Comunidade.

 

Neste senso, animou a todos os que queren un Goberno que sexa garantía de estabilidade, de políticas rigorosas e eficaces ante a desaceleración e de máis compromiso con Galicia e que queren, tamén, un Goberno que non se deba nin ao nacionalismo nin ao independentismo a unirse na papeleta do PP, a única alternativa para que a vitoria nas urnas sexa de todos os españois e para que España volva funcionar. “Se volvemos dividirnos, todo seguirá como está: na inacción; pero se volvemos unirnos, España terá un goberno activo e que goberna”, remarcou Feijóo.

Síguenos nas redes sociais