Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo sinala que o debate deixou claro que Casado pode gañar as eleccións e que ao PSOE só lle queda tentar dividir o voto para non perder

05 Nov 2019

5, novembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o debate electoral deixou claro que Pablo Casado pode gañar estas eleccións e que ao PSOE só lle queda tentar dividir o voto para non perder. Deste xeito se expresaba nun mitin en Vigo onde subliñaba que onte se observou a un Pedro Sánchez “á desesperada” mentres o candidato popular demostrou ter o proxecto, a solidez e a responsabilidade necesaria para gobernar este país e que volva funcionar.

Así mesmo, precisou que o debate, cos enfrontamentos entre o PSOE e Podemos, evidenciou a razón pola que hai novos comicios, ademais de mostrar que para deter as ameazas dunha nova crise non serven as políticas dun Sánchez que non ten un programa económico. Igualmente, apuntou que o candidato socialista limitouse a dar protagonismo a Vox e a Ciudadanos, e volveu ser ambiguo manténdose equidistante entre a Constitución e os que rompen a convivencia.

 

UNIR O VOTO NO PP

Malia que, segundo recoñeceu Feijóo, o PP gañou onte, “isto non basta”, pois é preciso gañar as eleccións e iso faise votando unidos ás formacións que poden lograr escano nas nosas provincias, incidindo en que, en Galicia, só o Partido Popular pode conseguir deputados e senadores alternativos ao PSOE, a Podemos e os nacionalistas.

 

Por todo isto, pediu non caer na estratexia dos que buscan que se divida o voto e que non se repita o mesmo que aconteceu en abril. De feito, recordou que na nosa Comunidade todos os prognósticos din que nin VOX nin Ciudadanos van lograr representantes no Congreso e no Senado, polo que os votos a estes partidos benefician aos socialistas, a Podemos e aos nacionalistas.

 

Pola contra, resaltou que unindo forzas no PP ningún voto para un Goberno diferente quedará sen representación nas Cortes Xerais porque todos sumarán e “España terá o presidente que preferimos e o Goberno que queremos e que fai falta para saír desta situación”.

 

SÁNCHEZ OU CASADO

Durante a súa intervención, o líder dos populares galegos remarcou que o 10 de novembro só hai dúas opcións como presidente: Pedro Sánchez ou Pablo Casado.

 

“Quen prefira a Pedro Sánchez ten todas as vías”, aseverou indicando que quedar na casa ou votar ao PSOE, aos diferentes Podemos, aos nacionalistas, a Vox ou a Ciudadanos só supón a vitoria do socialista, ao que lle favorece a división do voto por matemática electoral.

Sen embargo, Feijóo fixo fincapé en que para os que queren a Pablo Casado como presidente só existe a vía de unir o voto no PP sen divisións, evitando así a continua campaña electoral provocada polo PSOE para ter un Goberno da man do Partido Popular.

 

VOTAR PARA TER UN GOBERNO

Como destacou o presidente, o voto ao PP é a derrota da frivolidade, da inestabilidade e da irresponsabilidade destes meses e significa que haxa un executivo que estea ao que ten que estar, que os compromisos con Galicia volvan a cumprirse e que se comprometa con todas as prioridades da Comunidade.

 

Finalmente, recalcou que o próximo domingo hai que poñer fin a todo este período de incertezas, de campañas electorais, de continua pugna entre partidos, de ataques á convivencia e a todos os españois que queren respecto, de inacción ante unha posible nova crise e de menosprezos e incumprimentos con Galicia.

Síguenos nas redes sociais