Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG destaca que a Xunta investiu en tres anos máis de 6,5 millóns de euros para a incorporación de mozos á actividade agraria e de horta

15 Nov 2019

Santiago, 15 de novembro de 2019. A deputada popular, Raquel Arias, puxo en valor hoxe no Parlamento as medidas adoptadas pola Xunta nesta lexislatura para apoiar e impulsar os cultivos de horta galega favorecendo a creación, mantemento, innovación e a mellora destas explotacións. Arias salientou que nos últimos tres anos o Goberno galego destinou case 1,5 millóns de euros en axudas a pequenas explotacións deste sector “co obxectivo de mellorar a súa viabilidade e permanencia”.

 

Un compromiso co rural e cos horticultores que tamén queda demostrado, segundo a deputada popular, a través dos 6,5 millóns de euros investidos entre 2016 e 2018 para a incorporación de mozos á actividade agraria, na que destacan os cultivos de horta ao aire libre, en invernadoiro, froiteiras ou patacas. Unha medida que, ademais de beneficiar ao sector agrícola e hortícola, “favorece o dinamismo do rural dende o punto de vista laboral, económico e poboacional”, manifestou Arias.

 

IMPORTANTES CONTÍAS ECONÓMICAS

 

A deputada popular tamén explicou que os plans de mellora xerais, aos que a Xunta dedicou tres millóns de euros nos últimos tres anos, inclúen importantes contías para a horta, ao igual que as axudas da PAC que contan con liñas específicas para legumes ou agricultores de horta ecolóxica.

 

Un apoio económico que, tal e como resaltou a parlamentaria, “vai acompañado doutras medidas relevantes”, como é o caso do Decreto 125/2014 de produtos procedentes das explotacións galegas inscritas no REAGA, no que se atopan unhas 2.000 explotacións de venda directa. As máis abondosas son as de venda de hortalizas, patacas, legumes e froitas.

 

A deputada tamén destacou o papel das Indicacións Xeográficas Protexidas como impulsores do produto e como garantía de calidade, como é o caso da IXP Faba de Lourenzá, pemento de Herbón, do Couto, de Arnoia, de Oímbra, de Mougán e Grelos de Galicia.  “Selos que distinguen a horta e lle poñen nome e apelidos aos produtos, engadiu.

 

CADA VEZ MÁIS VARIEDADES

 

 

Do mesmo xeito, Arias lembrou que a horta galega ten cada vez máis variedades autóctonas inscritas no Rexistro oficial de variedades comerciais do Ministerio de Agricultura e que leva anos promovendo a Consellería do Medio Rural para facilitar e difundir o seu uso por parte dos horticultores e protexer esas variedades propias, como ocorreu este ano, por exemplo, coa variedade local da Faba de Lourenzá, a Faba Galaica.

 

Arias mencionou tamén outras das liñas estratéxicas da Xunta para o rural, como é a mobilización de terras e as aldeas modelo, “vitais para que os agricultores dispoñan dunha maior base territorial”. Mesmo as aldeas modelo contemplan a habilitación de terras para cultivos, entre eles os hortícolas. O mesmo que ocorre co programa Impostos cero no rural, polo que máis de 61.000 galegos non pagaron impostos para mercar ou permutar fincas.

Síguenos nas redes sociais