No debate desta proposición non de lei, o deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou que o PPdeG “defende o dereito das nosas atletas a competir en calquera país e con maior fortaleza defenderemos o seu dereito a denunciar calquera situación inxusta que se atopen, con total liberdade e co amparo e respaldo dunha das democracias máis consolidadas do mundo: a española”.
RENUNCIA A COMPETIR
Alberto Pazos manifestou que a proposición non de lei defendida polo Grupo Mixto “obrigaría aos nosos atletas, mulleres e homes, a renunciar a competir en función do país que resulte elixido como sede dun evento deportivo, ao tempo que privaría á poboación deses países dos efectos beneficiosos da denominada diplomacia deportiva”.
“Defendemos a actitude valente de Ana Peleteiro, que acudiu a competir a Doha e denunciou a discriminación das mulleres en Qatar; defendemos o dereito de Vero Boquete a denunciar que se celebre a Supercopa de fútbol de España en Arabia Saudí como un premio ao agresor; pero non defendemos a hipocrisía do Goberno de Pedro Sánchez, que critica a elección de Arabia Saudí como sede desta Supercopa de fútbol e négase a retransmitir esta competición por RTVE, pero asina un convenio coa Federación Española de Fútbol para promocionar a súa axenda internacional, incluída a celebración deste evento”, sinalou.
O deputado popular asegurou que “o PP leva moitos anos traballando conxuntamente pola igualdade real e estamos dispostos a seguir por ese camiño, pero non imos aceptar certificados de boa conduta por parte dunha esquerda que basea a súa autoproclamada superioridade moral nun permanente exercicio de desmemoria”.