Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento galego aproba por unanimidade diversas medidas contra a violencia sexual

21 Nov 2019


Santiago, 20 de novembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular, transaccionada co resto dos grupos da oposición, que recolle diversas medidas de loita contra a violencia sexual.

 

 

Entre elas  a solicitude para que a Xunta elabore o primeiro Plan estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual ou que o Goberno central modifique a Lei Orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia, para incluír que tamén son formas de violencia contra as mulleres a violencia física, psicolóxica ou sexual, incluída a violación; ou se impulse a aprobación dunha lei orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Así mesmo, noutra proposición non de lei transaccionada entre o Grupo Popular e o BNG, acordouse demandar ao Goberno central a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, así como a consideración destes delitos como de carácter público.

 

Dentro da proposición non de lei aprobada hoxe inclúese fomentar que os concellos galegos realicen campañas de sensibilización social contra a trata con fins de explotación sexual, coa finalidade de seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra; ao tempo que se segue fomentando a constitución e dinamización das mesas locais de coordinación interistitucional contra a violencia de xénero.

 

Tamén se demanda ao Goberno galego un incremento en 2020 da contía das axudas destinadas ás entidades e organizacións que atenden as mulleres en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.

 

A proposición non de lei aprobada por unanimidade inclúe, ademais, demandar ao Goberno central que impulse a aprobación dunha lei orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que estableza mecanismos adecuados para a prevención, reforce a persecución de oficio do delito, promova a eliminación de publicidade de contido sexual e poña en marcha servizos e programas de protección social e recuperación integral das vítimas, dando así cumprimento á medida 257 do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.

 

Así mesmo, pídese ao Goberno de España que impulse formación específica en materia de trata de persoas con fins de explotación sexual entre todos os axentes implicados no seu tratamento e erradicación (xustiza, forzas e corpos de seguridade do estado, sanidade...), así como crear recursos públicos de acollemento para vítimas de trata con fins de explotación sexual.

 

SEXO NON CONSENTIDO COMO DELITO

 

Por outra banda, o Parlamento galego aprobou, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, que o Goberno central impulse a aplicación do Convenio de Istambul para que as autoridades adopten todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre como delito ou para modificar a definición estatal de violencia de xénero, de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, do mesmo xeito que fixo a lei galega do ano 2007. Tamén se pide ao Goberno de España que facilite que os delitos de violencia sexual sexa instruídos nos xulgados especializados de violencia machista, no caso de que o presunto autor non sexa menor, transferindo a Galicia os recursos orzamentarios necesarios para esta adaptación.

 

Por último, nesta proposición de lei, aprobada logo do acordo entre o Grupo Popular e o BNG, solicítase que a Xunta avalíe no prazo de seis meses o funcionamento do protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero respecto da violencia machista, así como impulsar campañas específicas de concienciación do bo uso de internet sobre os riscos do sexting e sobre a ciberviolencia de xénero e sexual.

Síguenos nas redes sociais