Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular pedirá ao Goberno central no Pleno a eliminación da taxa de reposición na sanidade e novas poxas de enerxías renovables

26 Nov 2019

Santiago, 26 de novembro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que o Goberno central retire a limitación das taxas de reposición de prazas no sistema sanitario publico e convoque novas poxas de enerxías renovables para permitir aumentar a potencia eólica instalada en Galicia.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, Puy informou que a orde do día da sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación do proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario e a comparecencia da conselleira do Mar para informar da liña de traballo de cara á negociación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2020.

 

DOCUMENTO PROVISIONAL NEGATIVO

 

Sobre esta comparecencia, o portavoz popular explicou que “o documento provisional elaborado pola Comisión Europea é negativo para Galicia, aínda que o resultado final decidirase no Consello de Ministros de Pesca de decembro, no que Galicia volverá a representar ás comunidades autónomas españolas en materia de pesca e no que traballará, con argumentos sólidos e bases científicas para mitigar eses recortes e convencer á Comisión de que hai que aplicar unha política pesqueira común sustentable nos eidos medioambiental, económico e social”.

 

Respecto das proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá no Pleno que o Goberno de España retire a limitación das taxas de reposición de prazas para o sistema sanitario. Puy lembrou que o Goberno socialista de Zapatero adoptou en 2010 a decisión de limitar as taxas de reposición, permitindo unicamente a convocatoria do 10 por cento das prazas do persoal que se xubilase ese ano e amortizando as restantes.

 

“Estas taxas fóronse cambiando e o PP no Goberno elevou, en primeiro lugar, ata un 50 por cento e, máis tarde, ata o 100 por cento as taxas de reposición, deixándoas finalmente no 108 por cento para as comunidades cumpridoras, como é o caso de Galicia”, lembrou Pedro Puy.

 

Deste xeito, apuntou que estas taxas “permiten non só cubrir as taxas que se xubilan nese ano senón tamén incrementar as prazas que se convocan, pero segue a ser unha taxa de reposición insuficiente para cubrir todas aquelas prazas que foron quedando sen saír a concurso desde que en 2010 se puxo a taxa no 10 por cento”.

 

AUMENTAR A POTENCIA EÓLICA

 

A segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno central novas poxas de enerxías renovables para permitir aumentar a potencia eólica instalada en Galicia e, en consecuencia, a produción de enerxías renovables na Comunidade galega.

 

Pedro Puy salientou que “Galicia é líder en España en produción de enerxía renovable”. Neste sentido, concretou que “case un 70 por cento da potencia eléctrica instalada na Comunidade galega xa é renovable, moi por enriba da media española situada no 38 por cento, e a produción eléctrica de fontes renovables equivale a un 86 por cento do consumo eléctrico en Galicia”.

 

“Esta realidade prevese aumentar no futuro a través da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2020”, dixo o portavoz popular, quen subliñou que na actualidade estanse a construír unha vintena de parques eólicos en Galicia, cun investimento de preto de 570 millóns de euros e cunha potencia programada de 480 megavatios, que permitirá á Comunidade galega acadar case 4.000 megavatios de enerxía eólica instalada ao final deste ano.

 

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polo balance da posta en marcha do proxecto Red May de apoio e mantemento comunitario de persoas maiores no contorno rural; o grao de cumprimento da Lei 12/2013 de garantía de tempos de prestación sanitaria no apartado correspondente á garantía de tempos máximos; e sobre os contactos do Goberno central coa Xunta de Galicia para presentar algunha solución á problemática existente na factoría de Alcoa en San Cibrao.

Síguenos nas redes sociais