Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG afirma que a Xunta está a tramitar unha nova orde de axudas para investimentos non produtivos nos concellos da Rede Natura 2000

14 Dic 2019

Santiago, 13 de decembro de 2019.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Moisés Blanco, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta xa traballa na tramitación dunha nova orde de axudas para os anos 2020 e 2021 para investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos nos concellos incluídos na Rede Natura 2000.

 

Moisés Blanco explicou que a orde de axudas para os anos 2018 e 2019 estivo dotada con case 2,5 millóns de euros, dos que 767.726 destináronse a titulares de terreos agrícolas e forestais privados incluídos na Rede Natura 2000. “Entre as actividades subvencionables atópanse actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria ou de desenvolvemento de usos recreativos; á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional; e á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais”, explicou.

 

Ademais destas axudas, o portavoz popular referiuse ás axudas forestais existentes no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, dirixidas á accións silvícolas de prevención dos danos causados nos bosques por incendios ou desastres naturais, dotadas con de 13 millóns de euros na convocatoria para o vindeiro ano; e para a creación de superficies forestais, con 8 millóns de euros para 2020.

 

INCONGRUENCIA DA OPOSICIÓN

 

Na súa intervención, Blanco criticou a incongruencia dos grupos da oposición, que “están a pedir hoxe á Xunta un incremento das axudas para ordenación das producións forestais cando nas súas emendas aos orzamentos para 2020 os socialistas solicitaban retirar 7,9 millóns de euros á Consellería do Medio Rural”. “Pero é mais, é que tamén pedían reducir a partida 713B, na que figuran estas axudas para ordenación das producións forestais: en concreto, o BNG pedía minorar estas axudas en 24 millóns de euros; Común de Esquerdas, 6 millóns de euros; e os socialistas, 200.000 euros”, manifestou.

 

Por último, Moisés Blanco criticou que tanto Unións Agrarias como o Partido Socialistas “estean intentando enganar aos agricultores galegos coas axudas da Unión Europea ás zonas desfavorecidas e de montaña, xa que está confirmado que as axudas para explotacións de zonas con limitacións naturais, como son as áreas de montaña, seguirán tendo orzamento para o vindeiro ano para atender todas as solicitudes que se fagan”.

Síguenos nas redes sociais