Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Grupo Popular propón un prazo de dous meses para elaborar o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero

30 Dic 2019

Santiago, 30 de decembro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, propuxo hoxe “un prazo de dous meses, contados desde o inicio do vindeiro período de sesións, para elaborar o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero”, un documento cuxo “esqueleto” será o ditame da Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e para os dereitos das mulleres, que se debaterá para a súa aprobación no primeiro Pleno do vindeiro ano.

 

Paula Prado afirmou que “actualmente vivimos un momento crucial na loita contra a violencia de xénero” e salientou que “o traballo no seo da Comisión non permanente do Parlamento galego, ao longo das dúas últimas lexislaturas, foi moi intenso e cun alto grao de consenso nun contexto moi complexo de enorme fragmentación política”.

 

EN GALICIA, MOI POR DIANTE

 

“As conclusións e recomendacións deste ditame, extraídas da análise dos case 30 informes analizados e a información que trasladaron os máis de 80 comparecentes, indican que en Galicia estamos moi por diante na protección, na prevención, nos recursos, na asistencia, na formación, na sensibilización, na educación, no emprego, na economía e, en definitiva, en tódolos ámbitos con respecto a violencia de xénero”, salientou.

 

Prado afirmou que este ditame “será o primeiro paso para elaborar o Pacto Galego contra a Violencia de Xénero, onde se incluirán medidas moi concretas, cun orzamento concreto e cuns prazos de consecución concretos”. “Este Pacto Galego ten que ser realista e obxectivamente destinado a abordar a violencia de xénero dende unha perspectiva integral e transversal, con actuacións concretas no ámbito da educación, da conciliación, do emprego, da atención ás vítimas con recursos suficientes no ámbito das prestacións económicas, de vivenda, de atención xurídica e psicolóxica, aos menores e ás súas familias”, dixo.

 

Deste xeito, a viceportavoz popular agardou “responsabilidade dos grupos parlamentarios da oposición en aras de acadar consensos e non facer paripés” e lamentou que no debate en comisión parlamentaria “non quixeron asumir a proposta temporal que lles trasladamos de elaborar o Pacto Galego en dous meses contados dende o inicio deste período de sesións”.

 

Porén, manifestou que “presentaron votos particulares ao ditame alonxados do traballo da Comisión, con cuestións alleas ao contido dos informes e das comparecencias dos expertos”. “Unha cousa son os plantexamentos políticos de cada grupo e outra o que os expertos manifestaron, porque os grupos non poden confundir os seus desexos coa realidade”, apuntou.

 

DESCULPA DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN

 

Paula Prado demandou que os grupos da oposición “non utilicen este recurso como desculpa para non votar a favor do Ditame no vindeiro Pleno e poñer paos para a aprobación do Pacto Galego, que require de moita xenerosidade por parte de todos e poñer os intereses das mulleres por riba dos intereses políticos”.

 

Neste sentido, indicou que “seguen insistindo en que dende o Parlamento rexeitemos os discursos e prácticas negacionistas do machismo, cando non foron capaces de votar a favor dunha resolución no Debate sobre o Estado da Autonomía, proposta e só apoiada polo Grupo Popular, na que non só rexeitábamos eses discursos senón que tamén condenábamos os intentos de patrimonialización partidista dos avances na loita contra a violencia de xénero”.

Síguenos nas redes sociais