Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo asina acordo coa Fundación Barrié para crear fondo de impulso á investigación

29 Ene 2016
Feijóo asina un acordo coa Fundación Barrié para a creación dun fondo que impulsará que a investigación científica se traslade ao mundo da empresa
  • O obxectivo do Fondo de proba de concepto é “comprobar se as ideas e a innovación que desenvolvemos neste momento en Galicia pode ter éxito empresarial e, nese caso, acompañar os investigadores ata acadalo"
  • Estará dotado inicialmente con 1.650.000 euros, unha cantidade que se poderá ver incrementada conforme se vaian sumando a el outras institucións públicas e privadas
  • O presidente gabou o labor da Barrié apoiando a 15.000 bolseiros ao longo de 26 anos e contribuíndo á “transformación de ideas innovadoras en proxectos empresariais exitosos”
  • Citou medidas do Goberno galego para fomentar a investigación, coma o programa Oportunius, o novo Plan de financiamento universitario ou a creación de 19 unidades mixtas de innovación
  • Lembrou que o Plan Estratéxico de Galicia que se aprobou onte prevé duplicar o investimento público en investigación: do 0,88% do PIB a máis do 1,7%
Santiago, 29 de xaneiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo asinou hoxe un convenio coa Fundación Barrié para a creación do Fondo autonómico de proba de concepto, que ten como obxectivo “comprobar se as ideas e a innovación que desenvolvemos neste momento en Galicia poden ter éxito empresarial e, nese caso, acompañar os investigadores ata acadalo”. Deste xeito, impúlsase que os proxectos pasen “a liña desde a Universidade á empresa” e foméntase a colaboración entre o sector público e a sociedade civil no fomento da investigación.
 
En virtude deste acordo, a Barrié transferiulle á Xunta a metodoloxía e a experiencia do Fondo de Ciencia, un instrumento similar do que esta institución dispón desde 2011. Agora, este “vehículo de transferencia de coñecemento” ponse ao servizo da sociedade galega e o Fondo autonómico de proba de concepto “nace sabendo xa camiñar”.
 
Ten tres obxectivos principais: facer máis rendible social e economicamente o investimento público e innovación, identificar de xeito rápido os proxectos con potencial innovador e facilitar a transferencia dos resultados de investigacións cara ao mercado.
 
Este novo fondo estará dotado inicialmente con 1.650.000 euros, unha cantidade que se poderá ver incrementada conforme se vaian sumando a el outras institucións públicas e privadas. Con estes cartos apoiaranse entre seis e dez proxectos dos centros de investigación galegos, escollidos de entre unha primeira selección de 25 investigacións. Cada un deses proxectos recibirá, de xeito estimado, entre 120.000 e 210.000 euros. Por último, establecerase un Comité de Seguimento que acompañará os primeiros pasos de cada iniciativa.
 
Feijóo gabou o labor da Fundación Barrié no fomento do talento, pois nos últimos 26 anos concedeu bolsas a 15.000 estudantes, algo do que “non hai precedentes” nunha institución privada galega. Ademais, o Fondo de Ciencia, que supón a orixe do Fondo autonómico de proba de concepto, impulsou a “transformación de ideas innovadoras en proxectos empresariais exitosos”.
 
Sólido apoio á innovación
O presidente citou tres das principais medidas coas que o Goberno galego vén apoiando a innovación. A primeira delas, o programa Oportunius, que nos permitiu facer que “en vez de que a xente con talento en Galicia busque unha oportunidade fóra, que a xente que está fóra teña unha oportunidade aquí”.
 
Referiuse tamén ao novo Plan de financiamento universitario 2016-2020, que supuxo “un cambio de paradigma”, pois o financiamento unido aos resultados irá collendo peso ano tras ano ata supoñer, dentro de cinco anos, o 40% dos fondos que reciben as nosas universidades. Por último, mencionou as unidades mixtas de innovación, das que se crearon xa 19 —a última delas, orientada á investigación en oncoloxía de precisión e ao desenvolvemento da biopsia líquida, o pasado luns— e ás que se destinarán 16 millóns de euros máis.
 
“É a primeira vez que existe unha única Axencia de Innovación no Goberno, porque sabemos que dispersar a política de innovación supón non ter éxito en ningún caso”, afirmou Feijóo. Esta aposta decidida pola innovación plásmase na Estratexia de Especialización Intelixente, á que se destinan 1.600 millóns de euros e que engloba varias medidas de innovación, e no Plan Estratéxico de Galicia que se presentou onte, que prevé duplicar o investimento público en investigación: do 0,88% do PIB a máis do 1,7%.

Síguenos nas redes sociais