Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijoó anuncia creación dun parque tecnolóxico industrial en Rozas dotado con 100M€

24 Feb 2016

O titular da Xunta anuncia tamén a aprobación no Consello do inicio do regulamento que desenvolve a Lei do solo, co fin de axilizar ao máximo posible a entrada en vigor de todos os instrumentos de ordenación do territorio

Feijóo avanza un investimento de 100 millóns de euros para o sector aeronáutico no aeródromo de Rozas, “a maior aposta industrial que nunca fixo un Goberno da Xunta en Lugo”

  • “Construiremos un parque tecnolóxico industrial con máis de 100 millóns de euros de investimento apostando por un novo sector, e farémolo nunha provincia do interior”, anuncia, lamentando a inacción do partido socialista, “logo de 22 anos no Goberno e falando de Rozas”
  • Garante a aposta polos sectores produtivos galegos: “Atopamos consenso no sector da automoción, coas empresas auxiliares e con PSA-Peugeot Citroën para conseguir dous millóns de furgonetas. Atopamos consenso no sector naval galego e hoxe hai 1.800 millóns de euros en pedidos. Atopamos consenso nas TIC e temos un acordo con todas as empresas, tanto multinacionais como galegas”, lembra
  • Afirma que o Goberno galego seguirá protexendo o sector da pesca, “cunhas vendas de baixura, do cerco e do marisqueo que soben”
  • No tocante ao concurso eólico, destaca que dos 21 recursos interpostos, 17 deron a razón á Xunta e 3 están aínda pendentes; “gañamos todas as sentenzas firmes e tres están aínda pendentes, é dicir, o 84% do concurso eólico segue adiante”
  • A pesar de ter un paro inferior á media do Estado afirma que o desemprego seguirá a ser a primeira preocupación do Goberno galego
 
Santiago, 24 de febreiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo avanzou hoxe a aprobación, no vindeiro Consello da Xunta, dun investimento de 100 millóns de euros para o sector aeronáutico no aeródromo de Rozas, “a maior aposta industrial —aseverou— que nunca fixo un Goberno da Xunta en Lugo”.
 
“Construiremos un parque tecnolóxico industrial con máis de 100 millóns de euros de investimento apostando por un novo sector, o sector aeronáutico, e farémolo nunha provincia do interior, na provincia de Lugo”, anunciou, lamentando a inacción do partido socialista, “logo de 22 anos no Goberno e falando de Rozas”.
 
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, o titular da Xunta garantiu a aposta do Goberno galego por novos sectores industriais e polos sectores produtivos de Galicia. E, neste sentido, lembrou que se seguirá a traballar desde o consenso: “Atopamos consenso no sector da automoción, coas empresas auxiliares e con PSA-Peugeot Citroën para conseguir dous millóns de furgonetas e imos seguir traballando para atopar outros consensos. Atopamos consenso no sector naval galego e hoxe hai 1.800 millóns de euros en pedidos. Atopamos consenso nas TIC e temos un acordo con todas as empresas, tanto multinacionais como galegas. Atopamos consenso no sector do turismo; e imos seguir protexendo o sector da pesca, cunhas vendas de baixura, do cerco e do marisqueo que soben”.
 
No tocante ao concurso eólico, Feijóo destacou que dos 21 recursos interpostos, 17 deron a razón á Xunta e 3 están aínda pendentes; “gañamos todas as sentenzas firmes e tres están aínda pendentes, é dicir, o 84% do concurso eólico segue adiante”, dixo, logo de precisar que nos plans industriais “hai 970 millóns de euros investidos e 2.000 postos de traballos conseguidos”.
 
A nova Lei do solo
Durante a súa intervención, o presidente autonómico referiuse tamén á nova Lei do solo anunciando a aprobación no Consello da Xunta do inicio do regulamento que desenvolve a lei, co fin de axilizar ao máximo posible a entrada en vigor de todos os instrumentos de ordenación do territorio; “é dicir, antes de que entre en vigor seguiremos traballando pola ordenación do solo na Comunidade”.
 
Feijóo concluíu facendo fincapé en que o desemprego seguirá a ser a primeira preocupación do Goberno galego. “A pesar de ter un paro inferior á media do resto do Estado, entendemos que é insuficiente”, aseverou, facendo referencia ás 220.000 persoas que non teñen traballo “e para as que a recesión e a crise segue a ser tan dura como o foi desde o principio, desde 2008”.

Síguenos nas redes sociais