Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Puy espera que reforma Lei Servizos Sociais se vexa como "oportunidade para consenso"

15 Mar 2016



PUY AVOGA PORQUE A OPOSICIÓN VEXA A REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS COMO “UNHA OPORTUNIDADE PARA O CONSENSO”



·    O Pleno tamén debaterá unha demanda para que o Concello de Madrid “abandone esa idea absurda” de retirar unha rúa a Álvaro Cunqueiro pola súa presunta relación co réxime franquista



·    Tamén se solicitará á Xunta a publicación dos resultados do rexistro galego de infarto agudo de miocardio que permitirá garantir unha prestacións en condicións de igualdade a todos os infartados en Galicia



Santiago, 14 de marzo de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe porque os grupos da oposición vexan a reforma da Lei de servizos sociais, que mañá inicia a súa tramitación parlamentaria no Pleno, como “unha oportunidade para acadar consenso nunha materia desta relevancia social”. En concreto, esta modificación lexislativa adapta a normativa galega á directiva europea dando entrada aos concertos sociais como modalidade diferenciada dos concertos xerais, blindando e reforzando o papel das entidades na prestación dos servizos sociais.



Puy salientou que esta proposición de lei do Grupo Popular nace logo dun intenso traballo e das achegas realizadas polo Comité Español de representantes de persoas con discapacidade (CERMI). Ademais da creación dos concertos sociais, a modificación prevé a posta en marcha dos acordos marco para a xestión dos servizos sociais coas entidades para atender a libre elección das persoas destinatarias dos servizos.



Así mesmo, con esta modificación recoñécese a necesidade de establecer condicións especiais a estas prestacións dadas as especificidades dos servizos sociais, ao tempo que se da prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando existan análogas condicións de eficiencia, calidade e rendibilidade social, sempre garantindo a libre concorrencia e respectando os principios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia.



O portavoz popular explicou que a creación destes concertos sociais permitirá establecer fórmulas que garantan o mantemento na prestación dos servizos sociais por parte das entidades que xa os viñan realizando, o que favorece a continuidade dos colectivos que veñen traballando neste sector e contan con acreditada experiencia.



TRASPASO AP-9



Pedro Puy salientou o marcado carácter lexislativo da sesión plenaria que se celebra mañá e o mércores, na que tamén se procederá ao debate de toma en consideración doutra proposición de lei dos socialistas sobre responsabilidade civil e Ministerio Fiscal, así como o debate para a súa remisión ao Congreso dos Deputados da proposición de lei que solicita a transferencia da AP-9 a Galicia.



“O obxectivo é que esta autoestrada, que desde hai anos está sendo o eixo do dinamismo económico de Galicia, se poida xestionar desde Galicia”, manifestou Puy, quen lembrou a “boa disposición” amosada pola ministra de Fomento en funcións para dialogar sobre este asunto.


De todos xeitos, Pedro Puy engadiu que, ata o momento en que se leve a cabo este traspaso, “a Xunta e o Partido Popular continuarán solicitando que a prestación do servizo sexa nas mellores condicións, incorporando as rebaixas das peaxes como consecuencia do uso diario e permanente que gozan os usuarios doutras autoestradas nacionais”.



ÁLVARO CUNQUEIRO E REXISTRO INFARTO MIOCARDIO



O portavoz popular tamén fixo referencia ás dúas proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá na sesión plenaria. A primeira delas faise eco do rexeitamento xeral da cultura galega ao feito de que un informe sinale que Álvaro Cunqueiro debería perder a súa rúa en Madrid pola súa relación co réxime franquista. Esta decisión “deturpa e distorsiona a obra de Cunqueiro e o que significa para a cultura galega e española”, polo que “demandamos que se abandone esa idea absurda por parte das autoridades de Madrid”, manifestou Puy.



A segunda das proposicións non de lei demanda a publicación dos resultados do rexistro galego do infarto agudo de miocardio. Puy lembrou que esta iniciativa parlamentaria naceu doutra proposición non de lei do Grupo Popular que solicitaba a creación deste rexistro para garantir unha prestacións dos servizos de atención aos infartados en Galicia en condicións de igualdade. “Demandamos que esa información sobre morbi-mortalidade por infarto agudo de miocardio sexa traída á Cámara para que á luz dos datos obxectivos se tomen as decisións que garantan unha atención semellante a todos os enfermos desta doenza”, indicou.

Síguenos nas redes sociais