Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

A modificación da Lei de Servizos Sociais recoñece novos dereitos ás persoas usuarias

15 Mar 2016



MARTA RODRÍGUEZ AFIRMA QUE A REFORMA DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS “RECOÑÉCE OS DEREITOS DE LIBRE ELECCIÓN, AO ARRAIGO Á CONTORNA SOCIAL E Á ATENCIÓN PERSONALIZADA E INTEGRAL”



·    “Trátase dun documento aberto ás propostas dos grupos parlamentarios que melloren o texto orixinal e que permitan que saia adiante co maior respaldo”, apuntou



Santiago, 15 de marzo de 2016.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, afirmou hoxe que a través da modificación parcial da Lei de servizos sociais “recoñécense por primeira vez unha serie de dereitos ás persoas usuarias, como o dereito da libre elección, o dereito ao arraigo da persoa á súa contorna social e o dereito á atención personalizada e integral”. Esta modificación proposta polo Grupo Popular, que hoxe iniciou a súa tramitación parlamentaria coa aprobación da súa toma en consideración polo Pleno, introduce novos modelos de xestión: o concerto social, como sistema diferenciado da modalidade de concerto xeral; e os acordos marco coas entidades, promovendo a libre elección das persoas usuarias.



Rodríguez Arias lembrou que a Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia regula no seu artigo 29 as formas de prestación dos servizos sociais na Comunidade galega, establecendo que serán prestados polas administracións públicas directamente, ou de maneira indirecta a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público.



“Porén, a Directiva europea 2014/24 sobre contratación pública establece que os estados membros e os poderes públicos teñen liberdade para organizar os servizos sociais, de maneira que non sexa necesario celebrar contratos públicos sempre que dito sistema garanta a publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación”, indicou a portavoz popular.



ADIANTARSE Á LEXISLACIÓN ESTATAL



Deste xeito, esta directiva abre a posibilidade de que as administracións públicas adopten fórmulas de organización da xestión dos servizos públicos no ámbito dos servizos sociais distintos dos contidos na lexislación contractual. “Á espera de que o Estado traslade ao dereito español esta directiva, que deberá traducirse nunha nova Lei de contratos do sector público, é necesario establecer o concerto social mediante a modificación da Lei de servizos sociais de Galicia”, sinalou Rodríguez Arias.



Esta modificación xa foi levada a cabo noutras comunidades autónomas como País Vasco, Baleares, Asturias e Murcia, que estableceron legalmente o concerto social como nova modalidade para a mellora da xestión dos servizos sociais de proximidade por parte das entidades non lucrativas de acción social.



PRIORIDADE ÁS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO



Marta Rodríguez explicou que esta reforma da Lei de servizos sociais establece o concerto social como modalidade contractual diferenciada do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público. Neste sentido, apuntou que “no establecemento destes concertos sociais atenderanse aos principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa na contorna de atención social e libre elección da persoa usuaria”.



Así mesmo, engadiu que con estes concertos sociais as administracións públicas “darán prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, sempre que se garanta a libre concorrencia e os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia”, ao tempo que establecerán fórmulas para garantir o mantemento da prestación por parte das entidades que xa os viñan prestando, “cuestión que favorece a continuidade dos colectivos que traballan neste sector e contan con acreditada experiencia”.



ACORDOS MARCO PARA ATENDER A LIBRE ELECCIÓN



A reforma da Lei de servizos sociais tamén incorpora a posibilidade de que as administracións públicas poidan asinar acordos marco con entidades sociais para a prestación de determinados servizos sociais durante un período concreto de tempo. “Trátase dunha figura contractual prevista na normativa de contratos do sector público co obxectivo de atender, de forma prioritaria, a libre elección da persoa destinataria do servizo de que se trate”, explicou Marta Rodríguez.



A portavoz popular subliñou que esta proposición de Lei presentada polo Grupo Popular “nace das aportacións realizadas polo CERMI-Galicia” e se trata dun “documento aberto ás propostas dos grupos parlamentarios que melloren este texto orixinal e que permitan que saia adiante co maior respaldo posible”. 

Síguenos nas redes sociais