Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Goldar:"Oxalá, goberne quen goberne,conclúa a transferencia da AP-9 a Galicia"

15 Mar 2016

O Parlamento aprobou por unanimidade a proposición de Lei que solicita o traspaso desta autoestrada á Comunidade galega



“OXALÁ, GOBERNE QUEN GOBERNE EN ESPAÑA, ESTA NOVA LEXISLATURA CONCLÚA COA DEFINITIVA TRANSFERENCIA DA AP-9 A GALICIA”, AFIRMA JESÚS GOLDAR





·    Goldar destacou a “política activa” desenvolvida polo Goberno galego na “demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo na AP-9, así como na intención de asumir a explotación da mesma”



Santiago, 15 de marzo de 2016.- “Oxalá, goberne quen goberne nesta nova lexislatura en España, o que manifestamos coa aprobación unánime desta proposición de Lei para o traspaso da AP-9 á Xunta, conclúa coa definitiva transferencia desta autoestrada á Comunidade galega, dando cumprimento así a un importante obxectivo para todos os galegos”, manifestou esta maña no Parlamento o deputado do Grupo Popular Jesús Goldar.



Na súa intervención, Goldar agardou que “logo da aprobación desta proposición de Lei no Parlamento de Galicia, poida continuar o seu curso no Congreso dos Deputados e remate axiña coa materialización do traspaso da AP-9 á Comunidade galega no menor prazo de tempo posible”.



O deputado popular destacou a “política activa” desenvolvida polo Goberno galego en relación coa AP-9, “que se traduciu na demanda continua ao Ministerio de Fomento dun mellor servizo nesta autoestrada, así como na intención de asumir a explotación da mesma”. En concreto, lembrou que xa en febreiro de 2010 a Xunta de Galicia propuxo ao Goberno central no seo da Comisión Mixta de Transferencias o cambio de titularidade da AP-9, demanda que fora rexeitada co argumento de que non era competencia desta Comisión Mixta, ao tempo que consideraba que esta autoestrada era un itinerario de tráfico internacional e vía de acceso a portos e aeroportos de interese xeral.



“A Xunta de Galicia e o Partido Popular discrepan firmemente destas afirmacións, porque entendemos que a AP-9 non é un acceso a portos e aeroportos de interese xeral, porque non sirve de acceso a pasos fronteirizos, xa que a concesión desta autoestrada remata no enlace coa A-55 antes da fronteira con Portugal; e porque non enlaza comunidades autónomas, xa que o seu percorrido discorre na súa totalidade por Galicia”, sinalou.



SERVIZO EN CONDICIÓNS ÓPTIMAS



Posteriormente, a Xunta volveu formular en xaneiro de 2012 a demanda de traspaso e continuou coa súa solicitude a través das alegacións presentadas en marzo de 2014 ao Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2014 do Goberno central. “Está demostrado entón que a Xunta está a formular a demanda de traspaso de titularidade desta autoestrada e continuará facéndoo ata acadalo, xa que entende que é conforme coa lexislación vixente e beneficioso para a súa xestión”, dixo Goldar.



Na súa intervención, o deputado popular subliñou que “en todo caso o primordial para o Goberno galego é que o servizo desta autoestrada se preste en condicións óptimas”.



Para rematar, Jesús Goldar cualificou de “sumamente curiosa a forma de actuar dalgún grupo político que non hai moito tempo, cando desde Galicia se lle reclamaba a Madrid a transferencia da AP-9, non se escoitaba nin o máis mínimo do que agora defende neste Parlamento”. 

Síguenos nas redes sociais