Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O pleno insta á Xunta a presentar os datos do rexistro galego de infarto de miocardio

17 Mar 2016


O PLENO APROBA INSTAR Á XUNTA A PRESENTAR NO PARLAMENTO OS DATOS DO REXISTRO ÚNICO DE INFARTO AGUDO DE MIOCARDIO E AS CONCLUSIÓNS EN BASE AOS MESMOS



·    Núñez Centeno subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, a dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede”



Santiago, 16 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a presentar, antes do remate do próximo mes de abril, os datos correspondentes ao rexistro galego de infarto agudo de miocardio (Regaliam), as conclusións da Consellería de Sanidade en base aos mesmos e as medidas oportunas que se precisen en función dos resultados para a mellora da atención das persoas enfermas.



O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, lembrou que esta mesma mañá se presentaron os datos técnicos deste rexistro galego, pero “seguimos a manter a nosa proposta para que a Consellería presente neste parlamento os datos recollidos, a interpretación dos mesmos e a valoración dos posibles novos recursos necesarios para a atención deste grupo de enfermos en función dos resultados”.



NACEU DUNHA INICIATIVA PARLAMENTARIA



Núñez Centeno recordou que o Regaliam nace logo da aprobación no Parlamento o 3 de decembro de 2014 dunha iniciativa do Grupo Popular na que se instaba á Xunta a elaborar un rexistro único de ámbito galego que recollera toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio. “O principal obxectivo era trasladar á cidadanía unha mensaxe clara e inequívoca de que a atención en toda Galicia é moi boa en caso de infarto agudo de miocadio”, apuntou.



Neste sentido, o portavoz popular subliñou que Galicia “conta cunha atención cardiolóxica no ámbito da cardiopatía isquémica das máis avanzadas de España, destacando a excelente capacitación profesional, unha dotación tecnolóxica axeitada e completa, cunha boa distribución xeográfica, e cunha organización rexionalizada e en rede, coincidindo coas recomendacións das sociedades científicas, entre elas a Sociedade Española de Cardioloxía”.



DATOS OBXECTIVOS E COMPARABLES



Aurelio Núñez manifestou que “será moi importante valorar e comparar no Regaliam as cifras de falecemento en aqueles enfermos de infarto agudo de miocardio que superaron os 120 minutos entre o inicio da clínica e a revascularización, así como valorar as decisións adecuadas para o control da evolución posterior dos enfermos tratados despois deses 120 minutos”.



“A súa supervivencia en anos, a súa calidade de vida ou a presenza de complicacións derivadas do seu proceso inicial de infarto agudo de miocardio son datos importantes a avaliar”, sinalou o portavoz popular.



Núñez Centeno afirmou que “ter un rexistro único e cos mesmos parámetros permitirá dispoñer de datos obxectivos e comparables de todas as áreas de saúde de Galicia para tomar decisións sobre as necesidades reais de recursos humanos e materiais, así como sobre a distribución xeográfica dos mesmos, para unha atención de calidade aos enfermos que sufran un infarto agudo de miocardio en Galicia”. 

Síguenos nas redes sociais