Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O Parlamento insta á Xunta a desenvolver o plan estratéxico da conserva

27 Abr 2016


O PARLAMENTO DE GALICIA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTA Á XUNTA A DESENVOLVER O PLAN ESTRATÉXICO DA CONSERVA



·    As medidas buscan consolidar a posición de liderado no mercado de Galicia, comunidade que representa o 85 por cento do volume e valor de produción de toda España



·    Entre outras medidas, buscarase aumentar o valor engadido do produto en conserva, consolidar as estruturas empresariais existentes, potenciar o I+D+i e a estabilidade dun emprego maioritariamente feminino, fomentando a formación e as medidas de conciliación laboral e familiar



Santiago, 27 de abril de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a desenvolver o plan estratéxico do sector da conserva. O portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, indicou que “impulsar novos apoios dirixidos a este sector permitirá consolidar a nosa posición de liderado no mercado, reforzando a implicación social e laboral que esta actividade ten en Galicia”.



O plan estratéxico da conserva, deseñado polo Goberno galego en colaboración cos distintos axentes do sector, pretende ser unha ferramenta que actualiza e integra todas as posibles liñas de actuación e de axuda para o sector. Entre as medidas previstas están as dirixidas a incrementar o valor engadido da produción e consolidar as estruturas empresariais existentes e a posición de liderado nos mercados locais e internacionais.



Ademais, o plan busca potenciar a competitividade a través dunha maior implicación do sector en actividades de I+D+i, respectar o medio ambiente e garantir a estabilidade e calidade do emprego tras superar uns momentos de dificultade neste ámbito.



Outro aspecto relevante deste plan ten que ver co recoñecemento do papel da muller neste sector, con medidas que afondan en aspectos tales como o fomento da contratación indefinida, a determinación de políticas de formación e a igualdade de oportunidades vinculada á conciliación da vida laboral e familiar.



LIDERADO O MERCADO



Balseiro lembrou que o sector da conserva xera case o 3 por cento do produto interior bruto na Comunidade galega, cifra que se incrementa por riba do 10 por cento en varias comarcas, como é o caso do Barbanza ou Arousa. De feito, en Galicia operan entorno a 70 industrias conserveiras que son fonte de riqueza e de emprego para case 12.000 persoas.



Con datos pechados de 2015, as conserveiras superaron a súa marca de exportacións e, dentro do sector, Galicia continúa mantendo a súa posición hexemónica, pois as conserveiras galegas coparon máis do 85 por cento do total, tanto en volume como en valor de produción.



“Apostar pola conserva galega é, a súa vez, xerar oportunidades para seguir achegando ao ámbito nacional e internacional os nosos singulares produtos gastronómicos de calidade, que permiten a Galicia compartir cos consumidores o mellor que ten: a súa cultura, a súa xente do mar, a súa gastronomía única e, en definitiva, a nosa esencia”, concluíu Balseiro.

Síguenos nas redes sociais