Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo di que a Historia Social Única Electrónica dará mellores respostas na atención

28 Abr 2016
Santiago, 28 de abril de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a posta en marcha da Historia Social Única Electrónica permitirá dar as mellores respostas na atención, pero tamén predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención.
 
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo avanzou así a aprobación do Proxecto de Decreto, para a súa remisión a ditame do Consello Consultivo de Galicia, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á Historia Social Única Electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema Galego de Servizos Sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico e homoxéneo para todas as administración públicas competentes en servizos sociais. Supón, dixo, o primeiro paso avanzar cara á unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa.
 
Froito dun intenso proceso de diálogo
O mandatario subliñou que este proxecto é froito dun intenso proceso de diálogo cos colectivos directamente implicados. “Aportaron as súas observacións e suxerencias 15 entidades, 3 departamentos da Xunta e 4 de xeito individual a través da web da Consellería”, dixo, ao que engadiu que, froito dese traballo, preséntase hoxe o novo sistema que comezará a implantarse unha vez aprobado definitivamente o decreto, e que arrancará coa dixitalización de 365.000 historias sociais dixitais, é dicir, aproximadamente o 40% dos usuarios dos servizos sociais da comunidade autónoma.
 
Esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo: a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos solicitados; así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de servizos sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nelas.
 
Trátase, engadiu, dun paso fundamental para que todos os axentes dos servizos sociais dispoñan en todo momento da mesma información, de forma que se evitarán duplicidades e se mellorará a calidade desa información, aseverou Feijóo, facendo fincapé en que isto suporá unha redución de erros e de tempos de resposta e unha atención máis personalizada.
 
Así mesmo, esta iniciativa facilitará tamén unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.
 
Cara á integración coa historia clínica
O dirixente popular aseverou que ter unha historia social única suporá a “a mesma revolución que supuxo ter unha historia clínica única”. De feito, agregou, a historia social significa crear un sistema integrado de intercambio de información entre a Administración local e a autonómica, e sentará as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se integre coa historia clínica, o que simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.
 
“Vai cambiar a forma de integrar, interpretar, xestionar e resolver os servizos sociais”, asegurou, para indicar que un terzo da poboación galega é susceptible de dispoñer dunha historia social para a atención, por exemplo, ás persoas dependentes, ás que padecen algún tipo de discapacidade, as que están a percibir recursos de inclusión ou a Risga, ou a información procedente dos servizos sociais dos concellos.
 
Progresivamente, precisou que esta historia social irase ampliando ao eido da atención aos menores, do emprego, da vivenda, da xustiza, e o paso final será a integración coa información sanitaria. Sobre a seguridade, indicou que haberá unha identificación unívoca dos usuarios ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria, para que non existan dous números de identificación distintos; e que queda protexido o acceso á información a través do uso dun certificado por parte dos profesionais.

Síguenos nas redes sociais