Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo di que os beneficiarios da Lei da área metropolitana de Vigo serán os cidadáns

12 May 2016
Santiago, 12 de maio de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do proxecto de modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, un instrumento que, segundo afirmou beneficiará aos cidadáns de Vigo e da súa área con máis e mellores servizos, con aforro de custes, con maior facilidade para acceder a programas e axudas, e coa posibilidade de facer unha planificación global do territorio e de asumir novas competencias doutras administracións.

Feijóo afirmou que ademais de ofrecer potencialidades para prestar máis e mellores servizos aos cidadáns, esta nova lei coloca a Vigo e a súa comarca á cabeza da cooperación intermunicipal en Galicia; “e que se configura como unha ferramenta útil para desenvolver de forma harmónica os 14 concellos, encabezados por Vigo, que conforman unha área dunha enorme importancia económica e, sen dúbida, dunha enorme importancia poboacional”.

Trátase dunha lei que xorde do consenso dos 14 concellos, “froito dun laborioso traballo por parte da Vicepresidencia do Goberno” e que “foi tramitada en tempo récord, cumprindo co noso compromiso e actuando con enorme responsabilidade”, explicou. Así mesmo, precisou que a súa entrada en vigor está condicionada a que o Concello de Vigo cumpra tamén a súa parte que comprometeu ante a Xunta e ante os outros 13 alcaldes que formarán parte inicialmente da área metropolitana.

O tmandatario sinalou que “en tan só tres meses a Xunta ten realizado, con maior axilidade e con maior premura, todos os trámites necesarios para que hoxe o Goberno lle dea o visto e prace definitivo e remita o texto ao Parlamento”, malia que o Concello de Vigo aínda non teña asinado coa Xunta e co resto dos concellos da área o Plan de Transporte Metropolitano. Como explicou Feijóo, chegouse á conclusión de que se non se aprobaba a Lei da Área Metropolitana de xeito inmediato non podería estar en vigor neste período de lexislatura. Por tanto, decidiuse actuar para que non se vexan prexudicados o resto dos concellos.

Os pormenores da Lei da Área Metropolitana de Vigo
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda afirmou que aprobando hoxe esta lei de consenso e remitíndoa ao Parlamento dáse “un paso de xigante” para culminar un proceso que se precipitou no último ano pero que xurdiu xa hai case vinte anos dunha iniciativa cidadá.

Ao longo da súa intervención, Rueda lembrou que, desde que se produciu o acordo cos concellos hai tres meses, axilizáronse ao máximo todos os trámites: sometendo o texto a exposición pública; contando con informes favorables de Igualdade e de Asesoría Xurídica; coa aprobación da Federación Galega de Municipios e Provincias, que agrupa a todas as entidades locais de Galicia, tanto aos concellos afectados como á Deputación de Pontevedra; e sumando así mesmo –aínda que non era obrigado-, o beneplácito do Consello Consultivo.

Así mesmo, precisou que as principais novidades do texto céntranse en dous aspectos: o modelo de gobernanza e as atribucións competenciais. En canto ao primeiro, o cambio fundamental é a adopción dun sistema de voto ponderado na Xunta de Goberno que se traduce en que o peso na toma de decisión será correlativo ao peso da poboación dos seus concellos, cun mecanismo corrector para evitar abusos de poder, xa que os acordos deberán contar co voto favorable de, cando menos, catro concellos.

Logo de resaltar tamén que as vicepresidencias pasan de dúas a catro; o vicepresidente da Xunta explicou que, no eido das competencias, o documento prevé un mecanismo áxil e efectivo para a cesión de funcións e servizos por parte doutras administracións, garantido que vaian acompañadas das achegas económicas precisas para o seu financiamento.

Por outra banda, e en relación á competencia en materia de transporte, facúltase a propia área metropolitana a establecer os criterios de coordinación entre o transporte metropolitano e os transportes urbanos de cada concello. E, para iso, créase un comité de coordinación integrado por tres persoas: unha en representación da Xunta, outra por parte dos concellos con transporte urbano; e outra en nome dos concellos que carecen del.

Rueda destacou, ademais, que a nova lei permite aos concellos abandonar a área se se constata que non se adheriron a ningún servizo así como xestionará de xeito flexible, coordinado e en todo o territorio metropolitano servizos tan fundamentais para os cidadáns como: a promoción económica, emprego e servizos sociais; turismo e promoción cultural; medio ambiente, augas e xestión de residuos; prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial; tecnoloxías da información; e a mobilidade e transporte metropolitano.

Sobre este punto, Rueda incidiu en que o Concello de Vigo segue pendente de cumprir o seu compromiso de integrarse no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, o cal era condición sine qua non pactada co resto dos alcaldes para que se puidese poñer en marcha a área metropolitana.

Con respecto a isto, Rueda puxo en valor a responsabilidade da Xunta que, ante a premura dos prazos e a posibilidade de que a lei poida non entrase en vigor se non se envía xa ao Parlamento para a súa tramitación, aprobou a lei, condicionando a súa posta en marcha efectiva a que Vigo cumpra o seu compromiso. Deste xeito, no texto engádese unha disposición adicional que establece que a efectiva posta en funcionamento da área metropolitana de Vigo requirirá a incorporación do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia mediante a formalización do correspondente convenio.

Síguenos nas redes sociais