Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Tellado: “Nin Podemos pisará Moncloa nin Galicia porá 9.000M€ en mans de Beiras"

13 May 2016
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou hoxe que a nova Executiva do partido non ten reto máis importante por atender que “gañar os dous procesos electorais que terán lugar en verán, as xerais, e en outono, as autonómicas”. O novo número dous dos populares galegos dixo que nestes cinco meses traballarán para protexer aos galegos daqueles que nada saben de gobernar e pouco entenden do que é Galicia.
 
Tellado avanzou que co traballo de todos “nin Podemos pisará o Palacio da Moncloa nin Galicia porá os case 9.000 millóns de euros dos seus orzamentos en mans de Beiras e das Mareas”. 
 
O dirixente popular reuniu en Santiago aos novos vicesecretarios e coordinadores do PPdeG, elixidos no Congreso que tivo lugar o pasado fin de semana na cidade Ourense. Na xuntanza, Tellado dixo que o PPdeG era un partido de equipos e apostou por ir definindo estratexias cara aos dous próximos procesos electorais.
 
En todo caso, admitiu que os populares están nunha situación privilexiada. “Non só somos os únicos, xunto ao BNG, que temos elixido ao noso candidato. Ademais, con Alberto Núñez Feijóo somos os que mellor cabeza de cartel temos”, apuntou. 
 
Tellado di non envexar aos que aínda non só non teñen candidato, senón que nin sequera teñen partido. “As enquisas din que o noso principal adversario é unha agrupación indeterminada que non ten nin nome, nin logo, nin representante. E isto di moi pouco dos que sendo oposición si o teñen pero están por detrás de non se sabe quén”.
 
En todo caso, o secretario xeral pediu aos vicesecretarios e coordinadores que non se confíen coas desgrazas da esquerda porque “nós non podemos aspirar soamente a que a xente non lles vote a eles; temos que aspirar a que voten por nós”.
 
SUPERÁVIT DE RESPONSABILIDADE
Para o dirixente popular unha boa mostra do que a xestión de Alberto Núñez Feijóo é capaz de conseguir está nos fondos adicionais que a Xunta poderá gastar grazas a súa política orzamentaria rigorosa. “Os que dicían que cumprir o déficit non era levar a recuperación á rúa agora ven como, mentres outras autonomías seguen a padecer estreitezas, Galicia terá 50 millóns extra para estender outro ano a axuda por nacemento; mellorar o equipamento de 100 garderías, de un de cada tres colexios e institutos; para crear novas becas para investigadores; dar transporte metropolitano gratuíto a menores de idade; e para programas de aprendizaxe de inglés a 1.400 rapaces”. “Todo isto grazas ao superávit de responsabilidade”, indicou.
 
“A labor do Goberno é facer; a nosa, explicar”, apuntou Tellado, que engadiu que temos que converter a cada militante nun posto de información ambulante que saiba explicar qué fixemos e por qué a calquera que pregunte.
 
Ademais, o secretario xeral avanzou que o vindeiro luns celebrarase un Comité Executivo para ratificar nomeamentos e facer outros novos. Por exemplo, o Comité de campaña das eleccións xerais, que dende ese día empezará a traballar para recuperar parte do voto perdido nas eleccións xerais do 20-D.
 
Segundo explicou, hai xente que votou a En Marea e agora votará ao BNG porque non confían nos que só son a muleta de Pablo Iglesias e non pelexan por ter voz e voto a través dun Grupo Parlamentario propio; e hai xente que votou a Ciudadanos para que pactara co PP e que non volverá a facelo porque entregaron o seu apoio ao PSOE. Polo tanto, asegura que haberá cambios no comportamento do voto e que os populares queren ser os que reciban ese apoio extra que outros perderán.
 
Ademais, lembrou que na Executiva do PPdeG medra o número de mulleres con cargos de responsabilidade e que case a metade dos membros debuten na dirección do partido. Así, recordou que renovaron a Xunta, o partido a nivel provincial e a nivel autonómico. 
 
“Hai que ser humildes para recoñecer erros perdendo pero máis aínda hai que selo para facelo gañando. Nós, que seguimos gañando eleccións e que estamos na posición que calquera outro partido querería, actualizamos actitudes, equipos e políticas para seguir a dar resposta ás inquedanzas dos galegos”, concluíu.
 

Síguenos nas redes sociais