Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Feijóo di que fronte a un PPdeG renovado só están os partidos que non fixeron nada

16 May 2016
Preside o primeiro Comité Executivo tralo Congreso autonómico, formado por un equipo cuxa taxa de renovación é do 70%
 
Feijóo di que fronte a un PPdeG galeguista, reformista e renovado só están os partidos que non fixeron nada nin por Galicia nin por España
 
Indica que os partidos non só deberían pedir o voto nas eleccións xerais senón tamén perdón por seren incapaces de dar coa solución política que pediron os españois nas urnas
 
Asegura que a nosa comunidade quere uns políticos que falen dos galegos e recorda que aquí seguimos gobernando con estabilidade e tomando decisións de transcendencia
 
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que fronte a un PPdeG galeguista, reformista e renovado, só podemos atopar ao o resto de partidos que non fixeron absolutamente nada nin por Galicia nin por España nos últimos meses.
 
Na primeira reunión do Comité Executivo do partido trala celebración do seu XVI Congreso autonómico, o mandatario referiuse ao PSOE, a Podemos e a Ciudadanos, que excluíron ao PP e decidiron que ían tomar as riendas do futuro de España. Nese sentido, apuntou que o que tivemos neste tempo foron cero avances e un país paralizado nas súas mans, o mesmo que sucedeu en varias cidades de coalicións PSOE e Podemos desde hai un ano.
 
O dirixente indicou que estas actitudes abocáronnos a unhas novas eleccións xerais nas que tamén haberá que afrontar a fartura da xente. E é que segundo Feijóo, nesta campaña, os partidos non só deberían pedir o voto aos españois senón tamén perdón por seren incapaces de dar coa solución política que pediu a xente nas urnas.
 
POLÍTICA CON MAIÚSCULAS
O líder do PPdeG contrapuxo o seu partido, o único que ten a Galicia no centro co obxectivo de mellorala, con aqueles que pasan o día enleados en intrigas internas ou conspirando contra vellos compañeiros para conseguir ser o vicepresidente dun Goberno de Podemos. 
 
Así, para Feijóo hai partidos que nos seus poucos meses de existencia non pararon de enganar a Galicia, confluíndo e reconfluíndo, aliándose e enemizándose, facendo pasar por complexas negociacións o que en realidade se decidirá por un WhatsApp que sale Pablo Iglesias e chega ás Mareas.
 
Pola contra, aseverou que os populares van de cara, son sinceros e teñen a obriga de facer política con maiúsculas. “Galicia non quere uns políticos que falen de si mesmos. Galicia quere uns políticos que falen dos galegos”, apuntou.
 
Por este motivo tamén subliñou que a nosa comunidade non debe mesturarse coa situación pola que pasa o país, xa que aquí seguimos gobernando con estabilidade. 
 
Nesta liña, Feijóo salientou que o PP prefire que ser xulgado polo seu traballo responsable. Así, destacou que mentres a irresponsabilidade hipoteca o futuro das novas xeracións, a responsabilidade permite que Galicia invista no futuro dos nenos e da mocidade. 
 
Nese sentido, recordou que, ademais de ser unha comunidade que cumpriu o déficit, tamén somos a que máis axuda a pais e nais cando deciden ter un fillo; a que incrementa as prazas públicas de gardería e pon en marcha medidas como as casas niño ou o bono coidador; a que ten as taxas universitarias máis baixas e incrementa o número de becas; ou a que pode poñer a gratuitade no transporte para os menores. Deste xeito, o presidente apuntaba que os que antes miraban para Galicia e se preguntaban “por que fan iso?” agora pregúntanse “por que non o fixemos nós?”.
 
PARTIDO GALEGUISTA
Na súa intervención, o presidente dixo que o PPdeG é un partido de maiorías, de goberno, dun país e dun pobo. “Nós somos o partido de Galicia”, engadiu.
 
Desta forma, Feijóo manifestou que mentres hai outros partidos que cren que Galicia é deles, os populares non se van apropiar nunca da nosa comunidade, xa que entenden que é de todos os galegos e estes teñen dereito a sentila como queiran e en liberdade. 
 

Ademais, asegurou que o PPdeG ten un discurso galeguista porque naceu aquí para toda España, é o primeiro partido de Galicia e leva anos xestionando os intereses dos galegos, aqueles dos que non se debería poñer en cuestión o amor que senten pola súa terra. 

APOSTA POLA RENOVACIÓN E  A TRANSFORMACIÓN

“Nós queremos seguir renovando Galicia, queremos seguir renovando o país e para isto seguiremos traballando”, afirmaba Feijóo durante o seu discurso.
 
Nesta liña, recordou como foron renovando a confianza dos galegos en diferentes etapas para permitir que Galicia puidese avanzar ao tempo que puxo en valor que, agora, no novo comité Executivo do PPdeG haxa unha taxa de renovación do 70%.
 
E é que segundo o presidente, o verdadeiro cambio é aquel que se consegue mirando cara a atrás para aprender do que se fixo; conxugando experiencia e renovación; e transformando pero non rompendo.
 
 

Síguenos nas redes sociais