Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

O PPdeG prepara a súa estratexia electoral coa mirada posta en desenmascarar a mareas

17 May 2016
O comité de campaña de cara ás Xerais inicia o seu traballo o vindeiro venres para marcar os obxectivos da formación e o camiño para acadalos
 
O PPdeG comeza a preparar a súa estratexia electoral de cara ao 26X coa mirada posta en desenmascarar a xestión das mareas
 
Os alcaldes e voceiros populares dos municipios de máis de 30.000 habitantes, mellores coñecedores da xestión da marca branca de Podemos, están chamados a ser asesores do partido para elaborar a estratexia electoral 
 
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2016.- O Partido Popular de Galicia comeza os seus traballos de preparación da estratexia electoral de cara ao vindeiro 26 de xuño coa mirada posta en desenmascarar a xestión das mareas. A axenda de traballo do partido para o que resta de semana arranca mañá cunha reunión do secretario xeral, Miguel Tellado, con alcaldes e voceiros de concellos de máis de 30.000 habitantes e continuará o vindeiro venres coa primeira reunión do comité de campaña.
 
No tocante á reunión con alcaldes e voceiros, Tellado escolleu reunirse con eles porque representan aos concellos que a día de hoxe coñecen mellor a xestión das mareas. Por tanto son eles os que poden amosar as barbaridades da xestión dunha formación que, unha e outra vez, demostra que a única estación da súa folla de ruta é desaloxar ao PP das institucións.
 
En calquera caso, e posto que semella que, tanto nas eleccións xerais como nas autonómicas, o principal adversario do PPdeG estará en Podemos e nos seus aliados –en Galicia as mareas e en España Esquerda Unida- é interesante coordinar unha acción conxunta para desenmascarar a súa xestión.
 
Cabe reseñar o que acontece nas principais cidades galegas onde gobernan. En Ferrol teñen máis problemas co seu alcalde que coa Súa Maxestade El Rey Felipe VI, pero pelexan dende o concello pola Terceira República. Santiago ten hoxe mesmo máis fochancas nas súas rúas que liortas cada día o Goberno municipal. Mentres, Coruña é xa un municipio paralizado que abandonou a xestión para gobernar a base de xestos.
 
Por todo isto, os portavoces que mañá se reunirán con Tellado están chamados a ser asesores prioritarios do PPdeG á hora de establecer a estratexia de campaña que establecerá o comité de campaña designado onte polo Comité Executivo.
 
Este comité, que dirixirá o propio Tellado, celebrará a súa primeira reunión de traballo o vindeiro venres e nela está previsto que comecen a trazarse as estratexias que seguirán os populares galegos de cara ás próximas eleccións xerais. 
 
O PPdeG gañou con folgura as eleccións o pasado 20D, obtendo catro deputados máis que a segunda forza nun proceso no que o seu tradicional adversario político, o PSOE, quedou relegado a terceira forza. Este comité marcará os obxectivos para os vindeiros comicios e, sobre todo, os pasos máis axeitados para acadalos.
 
O PPdeG aspira a seguir aportando solucións aos problemas das persoas e a súa razón de ser reside na vocación de servizo público. Aquelas formacións cuxo única preocupación son as coalicións posibles e o seu único obxectivo é botar ao PP das institucións están equivocadas. O Partido Popular só desexa a coalición cos cidadáns para seguir mellorando as súas condicións de vida.
 

Síguenos nas redes sociais