Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que apoiar os orzamentos é dar un "si ao crecemento,ao emprego e o progreso do noso país"

16 Ene 2017

Santiago, 16 de xaneiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que apoiar os orzamentos da Xunta para 2017 supón dar un “si ao crecemento, ao emprego e progreso do noso país, fronte a unhas emendas da oposición que supoñen paralizar Galicia e volver a uns orzamentos irreais”.

Puy asegurou que se trata “duns orzamentos axeitados, expansivos, baseados nun mellor comportamento dos sectores que integran a produción”. En concreto, salientou que incrementan o investimento, favorecen as exportacións e impulsan a demanda interna, “nunha economía galega que xa supera a recesión económica pero que aínda ten por diante moitos retos que superar”, apuntou.

 

MÁIS EMPREGO E CAPACIDADE DE GASTO

 

Ademais, dixo que “permiten continuar mellorando os datos de emprego” e puxo como referencia a última enquisa de poboación activa na que Galicia incrementa en 29.800 o número de traballadores a xornada completa e se reducen en 5.900 os empregos a tempo parcial. “O 86,9 por cento dos traballadores en Galicia traballan a tempo completo, fronte ao 85,44 de media en España”, explicou.

 

Na súa intervención no Pleno de debate de totalidade dos orzamentos para 2017, o portavoz popular salientou que as contas incrementan en 600 millóns de euros a capacidade de gasto da Xunta nos últimos dous anos, reducindo a débeda e baixando os impostos. A tarifa do imposto sobre a renda “é hoxe máis progresiva que en 2011, porque se reducen os impostos para as rendas máis baixas, practicamente se elimina o imposto de sucesións e se incrementa o imposto do patrimonio”, indicou.

 

ALTERNATIVA POUCO ATRACTIVA

 

Pedro Puy asegurou que aprobar as emendas presentadas polos grupos da oposición conlevaría “paralizar Galicia, perder capacidade de gasto e crear máis incerteza para os operadores económicos”.

 

Ademais, o portavoz popular cualificou a alternativa que defenden os grupos da oposición como “pouco atractiva”, xa que defenden “volver ao 2009, cun orzamento inflado para incorrer en déficit e poñer en perigo a sostenibilidade dos servizos públicos”.

 

Síguenos nas redes sociais