Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Más información Política de Cookies

Santiago, 4 de maio de 2016.- O portavoz do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, salientou hoxe que, coa baixada de 3.644 parados rexistrada no mes de abril en Galicia, “a nosa Comunidade acumula 30 meses consecutivos de descenso interanual do desemprego, o que nos permite situarnos na actualidade con menor número de parados que hai seis anos”. 

Tellado afirmou que “a senda de recuperación da nosa economía e a estabilidade política que vivimos en Galicia permiten que mes a mes se acumulen as baixadas de desempregados na nosa Comunidade, chegando xa aos 16.608 parados menos que hai un ano, o que representa un descenso do 6,79 por cento”.

“Todo o que supoña reducir o número de persoas inscritas nas oficinas de emprego supón unha satisfacción para o Partido Popular, pero somos conscientes de que aínda quedan moitas persoas que desexan traballar e para os que seguiremos adoptando medidas e incrementando os esforzos para que poidan cumprir o seu obxectivo de acceder ao mercado laboral”, manifestou.

Emprego estable e de calidade

O portavoz popular subliñou que “o Partido Popular quere converter a Galicia nunha comunidade que xere emprego estable e de calidade, poñendo enriba da mesa oportunidades para todos os galegos que desexen traballar nas mellores condicións e no menor prazo de tempo posible”.

Miguel Tellado referiuse, ademais, ao incremento de 13.898 novos afiliados á Seguridade Social en Galicia rexistrado no último ano, “o que supón que Galicia leve 25 meses consecutivos incrementando o número de afiliacións”. 

“Trátase dun dato importante porque cada novo traballador que se sume á Seguridade Social é un paso máis para garantir a supervivencia das nosas pensións e a sostenibilidade do sistema”, indicou.



O PLENO DO PARLAMENTO DEBATERÁ A VINDEIRA SEMANA A APROBACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DA ECONOMÍA DE GALICIA 2015-2020



·    Este  plan incorpora medidas de dinamización económica, blinda o gasto social e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público



·    O Grupo Popular defenderá a revisión do actual sistema de reparto das cotas pesqueiras e o impulso á construción da A-76 entre Ourense e León



Santiago, 3 de maio de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana procedera ao debate do Plan estratéxico da economía de Galicia 2015-2020, que “se aproba nun momento no que podemos ter un optimismo moderado pola situación económica de Galicia e que incorpora medidas de dinamización económica, blinda o gasto social e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público”. Ademais, Puy apuntou que se trata dun “documento aberto que se vai adaptando ás novas circunstancias e obxectivos que vaian xurdindo no tempo”.



Pedro Puy explicou que o Plan estratéxico naceu dun “proceso moi participativo”, salientando que “non hai ningún antecedente semellante na historia desde que se comezaron a facer os plans de desenvolvemento rexional”.



OPTIMISMO MODERADO



Na súa intervención, o portavoz popular afirmou que este Plan estratéxico “apróbase nun momento no que podemos ter un optimismo moderado pola situación económica de Galicia” e fixo referencia aos datos de crecemento en taxas interanuais arredor do 3 por cento, ao tempo que diminúe o desemprego e a taxa de paro.



“O Plan Estratéxico presenta obxectivos importantes, como consolidar o crecemento económico en taxas anuais do 2,5 por cento; crear 100.000 empregos ata 2020; converxer coa Unión Europea; duplicar o gasto en innovación e desenvolvemento; seguir reducindo a taxa de abandono escolar; ou rebaixar a poboación en risco de pobreza en máis de 100.000 persoas”, concretou.



Así mesmo, engadiu que o Plan estratéxico incorpora medidas de dinamización demográfica; blinda o gasto social, con reforzo dos investimentos educación e sanidade; reconduce a senda de endebedamento; e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público.



COMPARENCENCIA SOBRE O PLAN REHAVITA



A sesión plenaria da vindeira semana inclúe, ademais, a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, por petición propia, para dar conta das actuacións e medidas que a Xunta ten posto en marcha no marco do Plan RehaVita, de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.



O Grupo Popular defenderá no Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo a defensa diante da autoridades comunitarias e estatais da revisión do actual sistema de reparto de cotas pesqueiras e xestión dos recursos no marco da Política Pesqueira Común. En concreto, a iniciativa busca impulsar un novo mecanismo de xestión que resolva a contradición provocada polo Principio de Estabilidade Relativa, de xeito que as cotas sobrantes se poidan ceder ou traspasar ás flotas que as precisan.



En segundo lugar, o Grupo Popular instará ao Ministerio de Fomento para que continúe impulsando a construción da autovía A-76 entre Ourense e León, mantendo o esforzo investidor e traballando para facer realidade esta infraestrutura de modo compatible coa protección do medio ambiente e coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.



VIAXE DO PRESIDENTE E MELLORA DAS ESTRADAS



Para rematar, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a valoración da recente viaxe que o Presidente da Xunta realizou a Arxentina e Uruguai, na que se reuniu cos presidentes de ambas repúblicas e asistiu á Feira do Libro de Bos Aires, ademais de realizar encontros coa colectividade galega en ambos países; así como sobre a execución do plan de reforzo de firmes nas estradas de titularidade autonómica, para o que está previsto un investimento de 23,5 millóns de euros.



A modo de resumo, o portavoz popular sinalou que a orde do día do Pleno inclúe 27 puntos, dos que o Goberno propuxo dous e o Grupo Popular outros catro, “é dicir, un quinto das iniciativas que se van debater porque a oposición ten neste Parlamento todas as oportunidades de controlar e impulsar ao Goberno da Xunta”.


PEDRO PUY AFIRMA QUE O PP AFRONTA AS ELECCIÓNS XERAIS E AUTONÓMICAS “COA SATISFACCIÓN DE IR FACENDO AS COUSAS BEN TANTO NA XESTIÓN PÚBLICA COMO NO PARTIDO”



·    “A diferenza do que ocorre noutros partidos, nós temos as cousas bastante claras en relación aos liderados e ás mensaxes que queremos transmitir”, sinalou



·    Puy dixo que “as sociedades nas que hai unha converxencia dos partidos cara posicións máis centradas avanzan máis, teñen menos conflitos e superan os seus problemas dun xeito máis sólido e firme que as sociedades nas que hai alternativas de goberno pendulares”



Santiago, 2 de maio de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que o Partido Popular aborda a nova convocatoria de eleccións xerais e os próximos comicios autonómicos “coa satisfacción de ir facendo ben as cousas no ámbito da xestión pública, pero tamén no ámbito da xestión do partido, onde temos xa determinado tanto o candidato como as persoas que van a empezar a traballar tanto na rendición de contas como no programa electoral”. Puy alertou que “sería malo que a alternativa ao PP estivera encabezada por quen está nun extremo do espectro ideolóxico, que ademais ten dado mostras onde tivo responsabilidades de goberno de que non acaba de ser unha alternativa coherente, nin de goberno nin de xestión, senón máis ben todo o contrario”.



Puy sinalou que a actualidade política vén marcada pola convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 26 de xuño, “unhas eleccións que deberían de terse evitado e que non foi posible desde o momento que diversos grupos preferiron apostar por unha coalición alternativa a aquela que pivotase no Partido Popular como forza que tiña maior respaldo electoral”.



Respecto das eleccións galegas, o portavoz popular avogou por manter o debate diferenciado sobre as nacionais e porque se celebren “cando corresponde e con absoluta normalidade democrática, algo que desgraciadamente comeza a ser atípico na política española nestes momentos, como o demostra a repetición das eleccións xerais”.



Neste sentido, Puy sinalou que neste momento “estamos traballando para completar cuestións importantes que están pendentes antes de que remate a lexislatura”, poñendo como exemplo a tramitación do Plan estratéxico da economía de Galicia ou a reforma da Lei da área metropolitana de Vigo. “Non hai motivo político” para o adianto das eleccións galegas, porque “hai goberno con iniciativas e unha maioría estable que o apoia para continuar o traballo ata que remate a lexislatura”, apuntou.



TEMOS AS COUSAS BASTANTE CLARAS



Pedro Puy referiuse ao Congreso que o Partido Popular de Galicia celebrará esta fin de semana en Ourense para designar o novo Presidente e candidato ás eleccións autonómicas. “A diferenza do que ocorre noutros partidos, nós temos as cousas bastante claras en relación aos liderados e ás mensaxes que queremos transmitir” sobre a situación da economía galega e o descenso progresivo do desemprego, sinalou.



Cuestionado sobre a posibilidade de que o PSOE se sitúe como terceira forza en Galicia, Puy lembrou que “Galicia xa ten antecedentes” neste sentido. Porén, amosouse “prudente” sobre os resultados da converxencia entre PODEMOS e Izquierda Unida, “porque non sempre cando hai coalicións a suma matemática dos votos de cada un dos socios por separado da un total exacto no resultado definitivo”.



Pensando na estabilidade política e na importancia de ver quen lidere a alternativa, o portavoz popular considerou positivo que as opcións de goberno pivoten sobre as forzas que están máis centradas. “É malo para a sociedade que as alternativas de goberno tendan ao distanciamento no posicionamento sobre os grandes problemas sociais”, indicou.



“As sociedades nas que hai unha converxencia dos partidos cara posicións máis centradas avanzan máis, teñen menos conflitos e superan os seus problemas dun xeito máis sólido e firme que as sociedades nas que hai alternativas de goberno pendulares”, manifestou. 

O PPdeG califica de “farsa” e “pucherazo” as primarias exprés dos socialistas galegos

 

 

  • Tellado ve curioso que se queira disfrazar de participativo un proceso que é xusto o contrario, porque as presas do PSdeG imposibilitan que haxa alternativas cun mínimo de garantías
 
  • Cre que esta falta de interese do PSOE por Galicia pode deberse a que se saiban como terceira forza nas vindeiras autonómicas e que sospeiten que o seu papel quede relegado de novo a oposición ou, se a aritmética electoral o permite, sustentando un goberno de perdedores cun candidato de Podemos á fronte da Xunta

 

 

Santiago, 30 de abril de 2016.- O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, calificou hoxe de “farsa” e “pucherazo” as primarias exprés dos socialistas galegos.

 

Para o dirixente popular é sorprendente que, despois de sete anos na oposición, o PSdeG conceda só 72 horas para buscar candidato á Presidencia da Xunta e un rival para Alberto Núñez Feijóo. Segundo indicou, isto vén a demostrar a improvisación e mesmo a desesperación dos socialistas.

 

Para Tellado, resulta curioso que se queira disfrazar de participativo un proceso que é xusto o contrario, porque as presas do PSdeG imposibilitan que haxa alternativas cun mínimo de garantías. Como indicou o voceiro dos populares galegos, trátase dun proceso pensado pola cúpula do propio PSOE.

 

Segundo reflexionou o dirixente popular, os socialistas levan tempo sen acertar, tanto coas súas cabezas de cartel como coas políticas que defenden desde a súa estrutura autonómica, e non parece que vaia ser esta a vez na que vaian contar con máis elementos para acertar.

 

Logo de lamentar o “pucherazo” perpetrado pola xestora do PSdeG, Tellado afirmou que é moi difícil que a militancia dese partido tome en serio o proceso ideado por Ferraz coa connivencia desta xestora.

 

Baixo o punto de vista de Tellado, isto demostra que Ferraz e os seus delegados en Galicia se toman moi pouco en serio a esta comunidade. Segundo engadiu, esta falta de interese pode deberse a que se saiban como terceira forza nas vindeiras eleccións na comunidade e que o seu papel quede relegado de novo, ou ben a oposición ou ben, se a aritmética electoral o permite, sustentando un goberno de perdedores cun candidato de Podemos á fronte da Xunta.

 

 

Santiago, 28 de abril de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a posta en marcha da Historia Social Única Electrónica permitirá dar as mellores respostas na atención, pero tamén predicir necesidades e desenvolver políticas de prevención.
 
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo avanzou así a aprobación do Proxecto de Decreto, para a súa remisión a ditame do Consello Consultivo de Galicia, polo que se regula a creación, o uso e o acceso á Historia Social Única Electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema Galego de Servizos Sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico e homoxéneo para todas as administración públicas competentes en servizos sociais. Supón, dixo, o primeiro paso avanzar cara á unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa.
 
Froito dun intenso proceso de diálogo
O mandatario subliñou que este proxecto é froito dun intenso proceso de diálogo cos colectivos directamente implicados. “Aportaron as súas observacións e suxerencias 15 entidades, 3 departamentos da Xunta e 4 de xeito individual a través da web da Consellería”, dixo, ao que engadiu que, froito dese traballo, preséntase hoxe o novo sistema que comezará a implantarse unha vez aprobado definitivamente o decreto, e que arrancará coa dixitalización de 365.000 historias sociais dixitais, é dicir, aproximadamente o 40% dos usuarios dos servizos sociais da comunidade autónoma.
 
Esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo: a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos solicitados; así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de servizos sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nelas.
 
Trátase, engadiu, dun paso fundamental para que todos os axentes dos servizos sociais dispoñan en todo momento da mesma información, de forma que se evitarán duplicidades e se mellorará a calidade desa información, aseverou Feijóo, facendo fincapé en que isto suporá unha redución de erros e de tempos de resposta e unha atención máis personalizada.
 
Así mesmo, esta iniciativa facilitará tamén unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.
 
Cara á integración coa historia clínica
O dirixente popular aseverou que ter unha historia social única suporá a “a mesma revolución que supuxo ter unha historia clínica única”. De feito, agregou, a historia social significa crear un sistema integrado de intercambio de información entre a Administración local e a autonómica, e sentará as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se integre coa historia clínica, o que simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.
 
“Vai cambiar a forma de integrar, interpretar, xestionar e resolver os servizos sociais”, asegurou, para indicar que un terzo da poboación galega é susceptible de dispoñer dunha historia social para a atención, por exemplo, ás persoas dependentes, ás que padecen algún tipo de discapacidade, as que están a percibir recursos de inclusión ou a Risga, ou a información procedente dos servizos sociais dos concellos.
 
Progresivamente, precisou que esta historia social irase ampliando ao eido da atención aos menores, do emprego, da vivenda, da xustiza, e o paso final será a integración coa información sanitaria. Sobre a seguridade, indicou que haberá unha identificación unívoca dos usuarios ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria, para que non existan dous números de identificación distintos; e que queda protexido o acceso á información a través do uso dun certificado por parte dos profesionais.
Santiago, 28 de abril de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación da convocatoria de axudas que financiará a posta en marcha de casas niño no rural galego e contará cun importe de 19.600 euros ao ano por cada casa niño.
 
As que arranquen neste 2016 recibirán unha cantidade algo inferior, correspondente aos meses nos que estivesen funcionando efectivamente. Este servizo atenderá a nenos de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia, unha situación na que se atopan 107 concellos.
 
“Poñemos en marcha as casas niño por primeira vez en Galicia, copiando a países como Alemaña, Suíza, Francia ou o Reino Unido, onde xa están funcionando”, dixo o presidente, logo de precisar que cada casa niño atenderá ata cinco cativos, con flexibilidade e seguindo as máis estritas normas de seguridade e calidade.
 
Cómpre salientar tamén que esta atención será gratuíta na modalidade diúrna e de luns a venres. Os pais poderán recorrer a ela un máximo de oito horas ao día nun horario flexible que se pactará co profesional.
 
Os nenos que acudan á casa niño deberán estar empadroados no concello onde estea situada ou nun municipio limítrofe que tampouco dispoña destes recursos. Por outra banda, as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociados que desexen optar a estas axudas para poñer en marcha casas niño deberán dispoñer dunha das seguintes titulacións: técnico superior en educación infantil; maxisterio de educación infantil ou primaria; grao en Psicoloxía, Pedagoxía ou Educación Social; un diploma que acredite ter asistido aos cursos de formación que a Xunta impartirá para os profesionais das Casas Niño ou ter formación ou experiencia acreditada en atención á infancia.
 
Así mesmo, quen concorra ás axudas deberá residir nun núcleo rural que non teña recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade e contar cunha vivenda equipada cos seguintes recursos: calefacción con protección, unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e outra para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección —enchufes de seguridade con tapas protectoras, protectores antipillado de dedos nas portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta, protección contra incendios...—; mobiliario e equipamento básico para a atención dos nenos; e dispoñer dun plan de actuación cos nenos para atender posibles emerxencias que poidan darse na casa niño.
 
Integración laboral 
Para contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, menores de 35 anos e maiores de 55 anos, persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% —sempre que sexa compatible coa atención á casa niño—, e mulleres vítimas de violencia de xénero.
 
Logo de precisar que a través desta convocatoria subvencionaranse a adaptación da vivenda e a súa dotación de equipamento e a prestación de atención aos nenos, Feijóo afirmou que as axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos elixibles, cun límite máximo global por Casa niño de 15.000 euros.
 
O mandatario concluíu afirmando que, en total, a convocatoria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que se prevé financiar un máximo de 30 casas niño ata 2019. “Deste xeito, imos impulsar 150 novas prazas de atención á infancia no rural galego, unha área na que é especialmente prioritaria a dinamización demográfica e a fixación da poboación no territorio”, rematou.
Santiago, 28 de abril de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe na rolda de prensa do Consello que conxelar as taxas universitarias por cuarto ano consecutivo permitirá ás familias con fillos na universidade un aforro de 25 millóns de euros. Polo tanto, “Galicia é a comunidade coas taxas universitarias máis reducidas de España nos últimos anos e Galicia seguirá sendo a comunidade onde sexa máis fácil estudar nas universidades tamén no vindeiro curso 2016-2017”, asegurou.
 
Máis polo miúdo, precisou que, no caso dos graos universitarios, o prezo medio, por exemplo, das primeiras matrículas de grao –que representan preto dun 83% do total- mantense en 11,89 euros/crédito, o máis baixo de España fronte aos 33,52 euros de media doutras comunidades como Cataluña. “É dicir, o prezo medio das matrículas de grao é tres veces máis barato en Galicia que na media do resto das comunidades autónomas”, indicou o presidente. E no caso dos máster, os prezos son os máis baixos, cunha media de 26,49 euros fronte aos 65,87 euros/crédito de Cataluña ou os case 40 euros/crédito da media nacional. Por tanto, “máis ou menos, o grao é a metade máis barato en Galicia que no resto de España”, matizou.
 
Nesta liña, sinalou que no próximo curso as familias galegas volverán a aforrar 25 millóns de euros nas taxas e matrículas dos seus fillos. Sobre este aspecto, explicou que o aforro medio por familia será de case 400 euros ao ano, no caso de fillos estudantes de grao. Ese aforro chega aos 760 euros ao ano para unha familia cun fillo estudante de máster.
 
Desde unha perspectiva máis global, explicou que, tendo en conta os catro anos de duración dos graos, as familias galegas aforran uns 1.550 euros durante toda a traxectoria universitaria dos seus fillos; é dicir, o aforro total do conxunto das familias para toda Galicia durante eses catro anos elévase a 85,6 millóns de euros.
 
Por tanto, baixo o punto de vista do mandatario, isto é positivo para os estudantes, pola súa formación, xa que son os traballadores do futuro; para as súas familias, para que non haxa ningunha que teña dificultades para mandar os seus fillos á universidade; e tamén para Galicia, que contará con xente formada.
 
Galicia, a comunidade coas taxas máis baixas outro ano máis
Feijóo explicou que a proposta de conxelar un curso máis as matrículas de grao, tanto nas primeiras como nas sucesivas matrículas e nos máster, será transmitida ao Consello Galego de Universidades. É dicir, que os máis de 61.000 alumnos que van iniciar unha carreira ou a continuar os seus estudos universitarios o próximo curso 2016-2017, non terán que pagar nun euro máis respecto a este que está a piques de rematar.
 
Con esta medida, o presidente reiterou que Galicia volverá a ser un ano máis a comunidade autónoma coas taxas máis baratas e, do mesmo xeito, tamén se convocarán un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixida a aqueles que non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio.
 
Neste punto, destacou tamén que se seguirá mantendo a convocatoria das axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios. E convocarase como cada ano a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.
 
“En definitiva, seguimos co compromiso inequívoco co sistema universitario de Galicia, é dicir, cos galegos que están empezando ou que van a continuar cos seus estudos universitarios”, sinalou. “Seguimos blindando unha Galicia coas taxas universitarias máis baixas do Estado”.
 
“Para isto é para o que vale cumprir co déficit público”, sinalou, “para isto é para o que vale manter unhas contas saneadas: poder baixar os prezos públicos por octavo ano consecutivo e poder manter as universidades galegas como as universidades máis accesibles do país”, engadiu.

O Grupo Popular conseguiu o apoio do Grupo Socialista á iniciativa logo de aceptar a súa emenda



O PARLAMENTO APROBA INSTAR Á XUNTA A POÑER EN MARCHA NO PRESENTE ANO UN PLAN GALEGO DE ATENCIÓN AO ICTUS



·    Esta iniciativa prevé ofrecer unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade e no menor tempo posible a todas as persoas residentes en Galicia




Santiago, 27 de abril de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha durante o presente ano un Plan galego de atención ao ictus que homoxeneice a atención nos casos dun accidente cerebrovascular (ACV) ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren ictus, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega, creando as unidades de ictus que se precisen.



O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou que o ictus “é un problema de saúde pública de primeira magnitude”, aínda que apuntou que se trata “dunha emerxencia médica tratable”. “Os extraordinarios avances acadados na coordinación das urxencias extrahospitalarias en Galicia, coa creación do servizo do 061 e dos Puntos de Atención Continuada, cunha dotación de persoal cada vez máis experto e de dotación material importante, teñen sido peza clave para o acceso do paciente á posibilidades de diagnóstico e tratamento impensables non hai moitos anos”, sinalou.



Na súa intervención, o portavoz popular concretou que arredor de 120.000 persoas sofren un ictus cada ano en España, consumíndose nesta enfermidade arredor do 4 por cento do gasto sanitario nacional. Ademais, o ictus é a segunda causa de morte a nivel global e tamén a primeira causa de dependencia en adulto, calculándose que un 44 por cento dos que sobreviven quedan con algún grao de dependencia funcional.



INCREMENTO DA INCIDENCIA NO FUTURO



Núñez Centeno engadiu que “se prevé un aumento da incidencia e prevalencia do ictus nos vindeiros anos, como consecuencia do crecemento dos nosos maiores e tendo en conta que tres de cada catro casos danse en maiores de 65 anos”. “Pero é necesario lembrar que o ictus pode aparecer en calquera idade, cun 10 por cento de casos en menores de 55 anos, incrementándose nas últimas datas a frecuencia dos mesmos en persoas mozas”, sinalou.



“Cómpre, por tanto, establecer un programa que permita garantir un sistema de selección e traslado urxente destes pacientes”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que “o plan permitirá homoxeneizar a atención nos casos dun accidente cerebrovascular, ofrecendo unha adecuada asistencia sanitaria coa máxima seguridade ás persoas que sofren un ictus, no menor tempo posible e de xeito equitativo para toda a cidadanía galega”.


O PARLAMENTO DE GALICIA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTA Á XUNTA A DESENVOLVER O PLAN ESTRATÉXICO DA CONSERVA



·    As medidas buscan consolidar a posición de liderado no mercado de Galicia, comunidade que representa o 85 por cento do volume e valor de produción de toda España



·    Entre outras medidas, buscarase aumentar o valor engadido do produto en conserva, consolidar as estruturas empresariais existentes, potenciar o I+D+i e a estabilidade dun emprego maioritariamente feminino, fomentando a formación e as medidas de conciliación laboral e familiar



Santiago, 27 de abril de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a desenvolver o plan estratéxico do sector da conserva. O portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, indicou que “impulsar novos apoios dirixidos a este sector permitirá consolidar a nosa posición de liderado no mercado, reforzando a implicación social e laboral que esta actividade ten en Galicia”.



O plan estratéxico da conserva, deseñado polo Goberno galego en colaboración cos distintos axentes do sector, pretende ser unha ferramenta que actualiza e integra todas as posibles liñas de actuación e de axuda para o sector. Entre as medidas previstas están as dirixidas a incrementar o valor engadido da produción e consolidar as estruturas empresariais existentes e a posición de liderado nos mercados locais e internacionais.



Ademais, o plan busca potenciar a competitividade a través dunha maior implicación do sector en actividades de I+D+i, respectar o medio ambiente e garantir a estabilidade e calidade do emprego tras superar uns momentos de dificultade neste ámbito.



Outro aspecto relevante deste plan ten que ver co recoñecemento do papel da muller neste sector, con medidas que afondan en aspectos tales como o fomento da contratación indefinida, a determinación de políticas de formación e a igualdade de oportunidades vinculada á conciliación da vida laboral e familiar.



LIDERADO O MERCADO



Balseiro lembrou que o sector da conserva xera case o 3 por cento do produto interior bruto na Comunidade galega, cifra que se incrementa por riba do 10 por cento en varias comarcas, como é o caso do Barbanza ou Arousa. De feito, en Galicia operan entorno a 70 industrias conserveiras que son fonte de riqueza e de emprego para case 12.000 persoas.



Con datos pechados de 2015, as conserveiras superaron a súa marca de exportacións e, dentro do sector, Galicia continúa mantendo a súa posición hexemónica, pois as conserveiras galegas coparon máis do 85 por cento do total, tanto en volume como en valor de produción.



“Apostar pola conserva galega é, a súa vez, xerar oportunidades para seguir achegando ao ámbito nacional e internacional os nosos singulares produtos gastronómicos de calidade, que permiten a Galicia compartir cos consumidores o mellor que ten: a súa cultura, a súa xente do mar, a súa gastronomía única e, en definitiva, a nosa esencia”, concluíu Balseiro.

O Parlamento galego aprobou esta mañá este texto lexislativo



GALICIA, PRIMEIRA COMUNIDADE ESPAÑOLA EN CONTAR CUNHA LEI DE ECONOMÍA SOCIAL

·    “Falamos de entidades que proporcionan empregos estables e de calidade, asegura a vinculación e permanencia no territorio e teñen demostrado ser máis resistentes á crise que as empresas baseadas na propiedade do capital”, asegurou Maite Cancelo





Santiago, 26 de abril de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Economía Social, que sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma en contar cunha normativa nesta materia. “Falamos de entidades que proporcionan empregos estables e de calidade, asegura a vinculación e permanencia no territorio e teñen demostrado ser máis resistentes á crise que as empresas baseadas na propiedade do capital”, asegurou a deputada do Grupo Popular Maite Cancelo.



Na súa intervención, Cancelo sinalou que se trata dunha lei que incorpora importantes novidades, como a ampliación de entidades no catálogo (as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común); a incorporación no Consello de Economía Social de representantes de entidades que xa traballan na promoción das mesmas, como a Fegamp ou as universidades; inclúe a economía social nos plans de estudos regrados; fai que estas entidades poidan opinar sobre as políticas activas de emprego e sobre os plans que dinamizarán ao sector; crea a figura da cooperativa xuvenil, con menores requisitos de capital para a súa constitución e menores trámites administrativos; simplifica os trámites para a constitución de calquera cooperativa, a través da realización de notificación rexistral por medios telemáticos; e incorpora as cláusulas sociais na contratación pública.



“Esta lei baséase na aprobada en España no ano 2011 e segue as recomendacións europeas establecidas a partir do informe do Consello Social Europeo, no que se sinala que, a pesar da importancia da economía social en Europa, que representa o 10 por cento do conxunto das empresas e o 6 por cento do emprego total, hai unha elevada invisibilidade institucional, polo que é necesario un recoñecemento no seu concepto na lexislación e nas políticas”, manifestou.



VALORIZAR AS ENTIDADES



Maite Cancelo concretou que “o espírito desta nova lei é valorizar as entidades de economía social, facer ver a súas achegas á sociedade, ao territorio e, sobre todo, en ámbitos como o do mar, o agrario ou laboral”. Así, engadiu que outorga “un trato diferenciado a este sector, contribuíndo á súa visibilidade e coñecemento, dotándoo dun marco xurídico común e que deixa a salvo as peculiaridades da regulación propia de cada unha das categorías de entidades que o compoñen”.



A deputada popular referiuse ao posterior desenvolvemento desta nova lei e destacou “a obrigatoriedade de que o Goberno galego, no prazo máximo de seis meses, aprobe un plan de impulso para estas entidades, plan que deberá ser debatido no Consello Galego de Economía Social e no que, por tanto, tomará partido directamente o sector”.



Respecto do Consello Galego de Economía Social, Cancelo apuntou que “vai contar cunha representatividade ampla dos distintos sectores da sociedade, pero sobre todo das entidades que conforman a economía social”. Así, dixo que este órgano “recoñece e da voz a toda a diversidade de entidades, aumenta as posibilidades de colaboración non institucional e terá un importante papel no deseño das políticas que desde o Goberno galego se establezan para fomentar este tipo de entidades e darlles apoio financeiro”. 

Página 8 de 22

Síguenos nas redes sociais