Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pon en valor o compromiso do Goberno galego coa Coruña: “A Administración que máis inviste é a Xunta”

28 Feb 2020

28, febreiro, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso do Goberno galego coa Coruña: “A Administración que máis inviste nesta cidade é a Xunta”. Por iso, sostivo que hoxe A Coruña ten máis servizos públicos, máis prestacións e máis oportunidades que hai 11 anos.

Así se expresaba o líder do PPdeG, esta mañá, nun almorzo con máis de 400 persoas, celebrado na Coruña, onde aproveitou para facer balance das actuacións e investimentos realizados. Un acto para render contas que vai máis aló, dixo, dun recordatorio de proxectos, senón que supón reivindicar un xeito de traballar e gobernar: “A política ten que ser facer”. Salientou que non se trata dun balance de partido, senón do “esforzo dos coruñeses”.

 

MÁIS SERVIZOS PARA AS FAMILIAS E OS MAIORES

O presidente do PPdeG incidiu nas melloras para as familias, incrementando as medidas en conciliación; para os maiores, aumentando a atención en dependencia e no fogar; para os que máis o precisan, con máis servizos e cunha atención máis específica; e na Educación pública, con máis centros educativos.

 

Así, recordou a posta en marcha das novas escolas infantís na Sardiñeira -grazas á colaboración da Fundación Amancio Ortega-, en Eirís e en Monte Alto; e coas que se aumentou a ratio de prazas públicas nesta cidade ata o 38%, fronte ao 24% que había en 2009. Referiuse, tamén, á ampliación dos CEIP Zalaeta e Manuel Murguía, ao novo aulario do CEIP Pardo Bazán, á reforma integral do CEIP Ramón de la Sagra e ás melloras no centro de FP Someso. A isto sumoulle a rehabilitación integral do IES Monelos, ao novo IES en Mesoiro e á reforma completa do IES Eusebio da Guarda -a piques de rematar-.

 

No referido ao eido social, puxo en valor a posta en marcha dos centros de día de Monte Alto e Eirís e as melloras na residencia Torrente Ballester. Do mesmo xeito, indicou que coa nova residencia en Eirís -que o Goberno galego está a impulsar coa Fundación Amancio Ortega e que poñerá a disposición 150 novas prazas públicas- teranse ampliado na última década as prazas públicas para maiores nun 138% nesta cidade.

 

Fixo especial fincapé no apoio prestado ás persoas con discapacidade, para as que na Coruña se duplicaron as prazas públicas ou se outorgaron preto de 25 millóns de euros en axudas de inserción laboral; e a máis de 2.000 familias coruñesas en risco de exclusión social que recibiron axudas.

 

A SANIDADE PÚBLICA, UNHA PRIORIDADE ABSOLUTA

Feijóo, que sinalou sentirse “orgulloso” desta área sanitaria, enumerou os investimentos feitos no centro de saúde de Novo Mesoiro e nas melloras no actual Hospital -a ampliación de urxencias, a renovación do novo bloque cirúrxico e a nova central de esterilización-.

 

Asemade, dixo que o novo Hospital Público é o proxecto sanitario máis importante que a Xunta ten enriba da mesa. E é que, ademais de contar co dobre de parcela e co dobre de superficie levantada, disporá dun investimento de 395 millóns de euros. Neste punto, avanzou que este ano licitarase o primeiro edificio do proxecto.

 

SALDAR DÉBEDAS HISTÓRICAS EN MOBILIDADE

No relativo á mobilidade, Feijóo salientou que, unha vez que se atendeu a demanda histórica de que os autobuses interurbanos entrasen ata o centro da cidade, o Goberno galego xa está a traballar na renovación do total de liñas de transporte interurbano que chegan á Coruña; e que permitirá a conexión directa de concellos como Cambre e Culleredo cos hospitais CHUAC, Materno Infantil e Abente y Lago.

 

Así mesmo, destacou o reforzo nas conexións entre a urbe herculina co aeroporto de Alvedro, e as mellores conexións cos polígonos empresariais. Logo de remarcar as actuacións levadas a cabo no túnel da Marina e no Parrote, na Terceira Rolda ou na Vía Ártabra, sinalou que algunha delas supuxeron un antes e un despois para a mobilidade da área metropolitana.

 

Por outra banda, salientou que a estación intermodal da Coruña suporá un cambio radical na cidade e que xa se está a traballar para que teña licencia en oito meses.

 

UNHA APOSTA FORTE POLA REHABILITACIÓN

Do eido da rehabilitación, centrouse no edificio da Fábrica de Tabacos -hoxe un novo edificio xudicial que incrementou un 70% as unidades-; ou o Espazo Amizar, que permitirá dar un novo sentido á antiga sede de Sanidade.

 

Centrouse tamén nas actuacións de rehabilitación de edificios en barrios como o da Pescadería, a Cidade Vella, o grupo de vivendas dos mariñeiros, en Labañou, no Ventorrillo ou en San Vicente de Elviña. E avanzou a creación na Coruña da segunda área Rexurbe de Galicia, para acadar unha rehabilitación integral do conxunto histórico; e un Ecobarrio.

 

O GOBERNO GALEGO CUMPRE COA RÍA DO BURGO

Recalcou que o Goberno galego cumpriu con todas as actuacións de responsabilidade autonómica, tras máis de 100 millóns de euros, no saneamento da ría do Burgo. E, tal e como recordou, o Goberno central debe acometer a dragaxe con axilidade para completar dunha vez o saneamento.

 

Sobre os terreos portuarios (nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, así como na zona da Solana), recordou que foi a Xunta a única administración que garantiu recursos para a titularidade pública dos terreos. E, do mesmo xeito que o Executivo autonómico cumpre coa súa palabra, demandou ao Goberno central igualdade de trato entre o Porto de Valencia e o da Coruña, no relativo á condonación da débeda.

 

A PROL DUNHA POLÍTICA QUE RENDA CONTAS

Para rematar, avogou por afastarse da política que xere discriminación e confrontación e que se traduza nun localismo permanente. E reivindicou a política que renda contas aos cidadáns, porque, indicou, “é a obriga de todo político”. Así, incidiu en que se presenta coa credibilidade lograda nestes anos no Goberno e coa ambición polo que quere seguir facendo pola Coruña e Galicia.