Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo destaca os investimentos da Xunta para “consolidar o Vigo dos próximos 50 anos”

02 Mar 2020

2, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o compromiso do Goberno galego ao longo dos últimos 11 anos para “consolidar o Vigo dos próximos 50 anos”. Así, destacou os investimentos realizados na urbe para preservar o seu liderado no eido económico, para contribuír á súa transformación e para seguir mellorando os seus servizos públicos.

Así se expresaba o líder do PPdeG, esta mañá, nun almorzo con máis de 500 persoas, onde aproveitou para reivindicar os resultados acadados, co aval, dixo, das promesas transformadas en feitos e co obxectivo de que Vigo vencera a crise económica. Defendeu a política de verdade, a útil: a dos proxectos que fan cidade, a dos servizos que axudan ás familias e a das medidas que unen ás persoas.

 

O LIDERADO DO NAVAL, DA AUTOMOCIÓN E O MARÍTIMO

Neste senso, puxo en valor o traballo realizado no ámbito do naval, automoción e marítimo para que hoxe sexan tres sectores líderes.

 

Tras atoparse en 2009 uns estaleiros baleiros e coa ameaza do tax lease, o líder do PPdeG recordou a negociación con Bruxelas e os 100 millóns de euros en investimentos para a innovación, a formación e as empresas auxiliares. Así, salientou que, tras superar as dificultades, hoxe Galicia é o segundo territorio con máis pedidos de Europa.

 

Do mesmo xeito, referiuse aos máis de 186 millóns de euros destinados a proxectos do sector da automoción. Tal e como recordou, despois de superar os momentos de incerteza nos anos da crise, crece o emprego no sector -1.500 traballadores máis- e 1 de cada 6 coches fabricados en España levan selo vigués.

 

Feijóo apuntou, tamén, ao compromiso do Goberno galego para preservar o liderado marítimo -Galicia é a primeira rexión conserveira europea, Vigo agrupa a nove das 10 maiores empresas pesqueiras e este é o primeiro de Europa en descarga de peixe-. E puxo en valor o Proxecto Lonxa 4.0 no Berbés, a nova lonxa de Canido ou as axudas á industria transformadora.

 

Asemade, o líder do PPdeG recalcou que a Xunta está a cumprir co Ifevi e con PLISAN, “o pulmón industrial que necesita Vigo”.

 

APOSTA POLA MOBILIDADE

No eido da mobilidade, remarcou a autovía do Morrazo, as sendas peonís en Navia, Coruxo e Saiáns, así como tamén a mellora da seguridade viaria en San Miguel de Oia e Valadares. E, tras destacar os descontos do Plan de Transporte Metropolitano, lamentou que Vigo sexa o único municipio non adherido. E no referido ás infraestruturas hidráulicas, apuntou aos traballos no saneamento e depuración de Teis e puxo en valor a EDAR de Lagares. E fixo especial fincapé na nova estación intermodal de Vigo, na que a Administración autonómica inviste 16 millóns de euros.

 

Por outra banda, citou a Cidade da Xustiza, cun investimento superior aos 40 millóns de euros e coa recuperación dun edificio icónico para os vigueses. E, con respecto aos antigos xulgados, dixo que se está a traballar para converter esta localización no centro integral da saúde das Travesas-Coia. E, con respecto á ETEA, destacou que contará cunha residencia para maiores.

 

Ademais da rehabilitación de máis de 100 vivendas e máis de 30 locais comercias do Casco Vello, Feijóo incidiu no traballo para revitalizalo, cun novo albergue, co proxecto Barrio Creativo e coa nova delegación do CGAC, para a que agardou o apoio do Concello. Fixo referencia, tamén, ás áreas de rehabilitación das Ilas Atlánticas, Bouzas, Coia e Santa Clara-Cabral. E agardou a colaboración necesaria da Administración local para poder facer realidade  as case 1.600 vivendas en Navia.

 

MÁIS SERVIZOS PARA AS FAMILIAS E OS MAIORES

O presidente do PPdeG incidiu, tamén, no incremento das  prazas públicas de garderías, o que supuxo que Vigo pasase dunha ratio do 12 ao 41%; e na nova residencia para maiores -que o Goberno galego está a impulsar coa Fundación Amancio Ortega e que poñerá a disposición 150 novas prazas públicas-.

 

Por outra banda, recordou os máis de 24 millóns de euros investidos en infraestruturas educativas, como o novo CEIP Virxe do Rocío, as ampliacións dos CEIP Alfonso Rodríguez Castelao e Pintor Laxeiro e do IES de Teis, a rehabilitación do CEIP García Barbón e a reforma do CEIP O Pombal. E garantiu a reforma do IES Santa Irene, a ampliación do CIFP Valentín Paz Andrade e o novo IES de Navia. 

 

No referido ao eido sanitario, fixo fincapé no “mellor hospital público”, o Álvaro Cunqueiro, á vangarda e cos mellores resultados. E mencionou, tamén, os novos centros de saúde de San Paio de Naia, de Taboada Leal e o de Bouzas. Tamén tivo palabras para a reforma da fachada e do novo acelerador lineal do Hospital Meixoeiro.

 

“VIGO É DOS VIGUESES. GALICIA, DOS GALEGOS”

Feijóo apuntou que os investimentos e os proxectos son produto dunha administración autonómica que pertence a todos os galegos: “Vigo é dos vigueses e Galicia, dos galegos”.   

 

Para rematar, destacou, pois, a importancia da cooperación institucional para facer realidade proxectos e investimentos e apuntou que, nos casos nos que aínda non foi posible, como no Centro FP, ten a man tendida sempre.