Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pon en valor o Santiago de 2020, con máis servizos, máis accesible e un Patrimonio máis coidado

04 Mar 2020

4, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destaca o compromiso do Goberno galego con Santiago, que conseguiu ter máis e mellores servizos públicos, é máis accesible e mantivo a salvo e máis coidado o seu Patrimonio. Deste xeito se expresaba nun almorzo -ao que asistiron máis de 600 persoas- de balance de todo o acadado en Santiago grazas ás actuacións nos últimos 11 anos do Executivo autonómico.

UNHA URBE DE SERVIZOS

O candidato popular ás Eleccións Autonómicas aseverou que os santiagueses desfrutan hoxe de máis e mellores servizos en todos os ámbitos. Así, no eido da Educación, destacou que, desde 2009, Santiago conta co novo CEIP Ramón Cabanillas e ampliáronse o CEIP Monte dos Postes, o CEIP de Roxos e o CEIP Lamas de Abade, sen esquecer a reforma do CIP Cardenal Quiroga e as rehabilitacións do IES Rosalía de Castro, do CIFP Politécnico e do CEIP Raíña Fabiola.

 

No tocante á Universidade, resaltou que se traballou pola súa especialización e excelencia, indicando que na USC fíxose co desenvolvemento do Campus Vida -un dos dous de excelencia internacional de Galicia-. Igualmente, garantíronse as instalacións co Novo edificio Fontán na Cidade da Cultura como sede do Consorcio Interuniversitario do SUG. Neste senso, referiuse a esta infraestrutura como “un icono” de colaboración entre universidades e do financiamento da Cidade da Cultura.

 

Xa sobre conciliación, incidiu en que en Santiago hai 1.350 prazas públicas en escolas infantís e se pasou dunha ratio do 33 ao 55 %; e detallou os investimentos nas escolas infantís de Tras Parlamento, do Polígono do Tambre, do Castiñeiriño ou da remodelación de Santa Susana.

 

Por outra banda, rexistrouse un aumento do 44% as prazas para maiores desde 2009, un incremento do 18% nas prazas de discapacidade e un 78% máis de horas do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais, púxose en marcha o Centro Galego de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade (Cegadi), o centro de día e vivenda de respiro de ACEM e estase a traballar na nova residencia no restollal.  

 

MÁIS SANIDADE PÚBLICA 

Durante a súa intervención, Feijóo asegurou sentirse orgulloso da área Sanitaria de Santiago. Ao respecto, aproveitou para agradecer o traballo dos profesionais e para poñer en valor o incremento do número de intervencións cirúrxicas e consultas e a baixada da espera media.

 

Para manter estes indicadores, incidiu na necesidade de incorporar novos servizos e novas prestacións, polo que salientou a construción do novo Centro de saúde de Galeras, a futura ampliación do Centro de Saúde de Conxo, os investimentos en alta tecnoloxía como o Sistema de radiocirurxía no CHUS, os tres novos aceleradores lineais ou a remodelación das urxencias pediátricas; ao tempo que afondou na ampliación do Hospital Público na que se está traballando. Neste punto, destacou que, xunto coa Universidade, a empresa máis importante de Santiago é o CHUS.

 

Logo de recalcar que Santiago conta cun novo edificio xudicial desde 2013, referiuse á posta en funcionamento do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero.

 

CIDADE DE EMPREGO E INNOVACIÓN

A Xunta quixo apostar por dotar a Santiago de solo empresarial para que puidesen medrar os proxectos creadores de emprego e, como manifestou o líder do PPdeG, por iso se puxo en servizo o Parque Empresarial da Sionlla en 2012 -máis de 750.000 metros cadrados de solo de uso industrial comercial-.

 

Precisamente, o Polígono da Sionlla é protagonista na estratexia de converter a Santiago nun referente no campo da biotecnoloxía e, como exemplos, referiuse á creación do Polo Biotecnolóxico de Galicia, a Unidade Mixta de Investigación formada por ROCHE e CHUS no eido da oncoloxía, a participación no Hub de innovación dixital ou iniciativas como Smartiago para converter Compostela nunha Cidade intelixente.

 

CAPITAL DE GALICIA, MÁIS ACCESIBLE E MELLOR MOBILIDADE

Tal e como subliñou, a pesar da crise, o Goberno galego mantivo a aportación ao Estatuto de Capitalidade da cidade, cunha achega media nos últimos anos de máis de 2,5 millóns de euros anuais. E co obxectivo de contar cuns espazos axeitados aos novos tempos e capaces de optimizar os recursos da Xunta, reformouse San Caetano e séguese avanzando para configurar a futura Cidade administrativa de San Caetano.

 

Para ser unha capital accesible tamén precisa duns accesos axeitados e debe garantirse unha mobilidade eficiente e, para este obxectivo, foron clave os investimentos en infraestruturas viarias -completouse a conexión da Cidade da Cultura coa AP-9, fíxose a Variante de Aradas e estase desenvolvendo o Plan de Sendas comarca de Santiago- e os convenios para a humanización de rúas. Así mesmo, tras conectar Santiago coa praia de Testal, sostivo que seguen traballando no desdobramento do Corredor Brión-Noia.

 

Neste ámbito, Feijóo mantivo a posta polo transporte metropolitano de Santiago e precisou que se cumpriu o compromiso para estar preparados ante a chegada do AVE construíndo a estación de autobuses da futura Estación intermodal -executada nun 40%-.

 

PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Por outra banda, o presidente fixo fincapé no coidado do Patrimonio de Santiago nestes anos, sinalando o investimento de 17 millóns de euros na rehabilitación da Catedral. Ademais, finalizouse a Cidade da Cultura e déuselle contido a través do uso permanente das súas instalacións e dándolles un sentido práctico -estase a facer o Edificio Fontán, fíxose o Bosque de Galicia, o Parque do Lago, o Parque da Balea e o Xardín do Teatro-.

 

Así, avanzan as obras para mellorar a integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela, con actuacións no Camiño Inglés, no Camiño Portugués e no Camiño Francés. Do mesmo modo, acometéronse actuacións para converter o Monte do Gozo e volvéuselle dar vida ao Auditorio con festivais como o Son do Camiño.

 

PREPARAR A COMPOSTELA DO FUTURO

Para rematar, o presidente dos populares galegos dixo que o Goberno de España non pode esquecerse dos seus compromisos como: o Remate da autovía a Lugo, o Enlace Orbital e ou a chegada do AVE, sobre a que agregou que nin Santiago nin Galicia merecen máis mentiras ao respecto.