Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo destaca os máis de 200 millóns de euros dedicados a Pontevedra: “Somos a Administración que máis inviste”

09 Mar 2020

9, marzo, 2020. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou os máis de 200 millóns de euros que o Goberno galego leva investidos en Pontevedra na última lexislatura, sendo, así, a Administración que máis inviste na urbe. Do mesmo xeito, puxo en valor a implicación do Executivo autonómico no avance que protagonizou a cidade nos últimos 11 anos.

Así se expresaba, esta mañá, o líder do PPdeG nun almorzo con 350 persoas, no que aproveitou para facer un balance das actuacións realizadas. Un balance, salientou, que é posible grazas á “estabilidade, á xestión e ao traballo”.

 

DARLLE O PROTAGONISMO AOS PONTEVEDRESES

Feijóo subliñou que o obxectivo das políticas da Xunta non foi outro que darlle protagonismo aos pontevedreses, para que hoxe conten cunha Administración pública próxima, cuns servizos xudiciais mellor dotados, cunha Sanidade Pública sólida, con máis Educación Pública, con máis servizos para os maiores e cunhas infraestruturas que facilitan a mobilidade.

 

Un dos principais exemplos de proxectos culminados na urbe foi o novo edificio administrativo de Benito Corbal, que alberga xa as dependencias da Xunta, as do Estado e é sede de ata 28 asociacións. Do mesmo xeito, referiuse á ampliación do edificio xudicial da Parda: 23.000 metros cadrados máis de espazo, con rexistro civil, 16 salas de vistas e con oco ata para 28 xulgados.

 

MÁIS E MELLORES SERVIZOS PÚBLICOS

Dentro do compromiso de prestar máis e mellores servizos públicos, Feijóo destacou que hoxe Pontevedra conta con máis opcións de conciliación que hai 11 anos e mellores infraestruturas educativas: máis do dobre de escolas infantís e 320 prazas públicas máis en garderías. Neste punto, salientou a posta en marcha das garderías na Parda, no edificio da Xunta ou no Campus Universitario da Xunqueira.

 

Igualmente, destacou a rehabilitación do CEIP Campolongo, a ampliación do centro de FP Carlos Oroza e as obras de mellora no IES A Xunqueira, recollida nos Orzamentos de 2020.

 

No eido social, destacou, ademais do incremento do servizo de axuda no fogar -que pasou de 28.000 horas a case 120.000-, o novo centro de día para persoas con alzhéimer, a reforma da residencia de Campolongo e a nova residencia no barrio da Parda, que albergará 120 prazas e coa previsión de que se comece a construír neste primeiro semestre.

 

O GRAN MONTECELO

No ámbito sanitario, referiuse, en primeiro lugar, ao novo centro de saúde na zona da Parda. E puxo en valor a reforma integral da área cirúrxica do Hospital Provincial, coa creación de tres novos quirófanos e coa mellora, tamén, dos servizos de xinecología, neumoloxía, Neonatos, o novo Hospital de Día Psiquiátrico ou a ampliación da área de Oncoloxía.

 

Sobre o Gran Montecelo, sostivo que é un proxecto que suporá: espazos máis acolledores, novos servizos e o aumento nun 92% do número de salas de urxencias e un 49% máis de postos no hospital de día. Neste punto, avanzou que a previsión é que este mesmo mes se poida licitar a obra: “Pontevedra vai ter un hospital novo, renovado e para os próximos 50 anos”.

 

A MELLORA DA MOBILIDADE

Afondou, tamén, no plan de sendas da comarca de Pontevedra, nas estradas cara Sanxenxo, a Vilagarcía, en Alba-San Caetano -coincidente co Camiño Portugués- e no treito A Piolla-O Couso-O Sobral.

 

Asemade, destacou as melloras na estrada a Vilagarcía, co acceso ao polígono de Sequeiros e coa rotonda na Devesa. E as actuacións na Ponte das Correntes e na Ponte da Barca. Apuntou que a variante de Marín, ademais de descolapsar o tráfico, fixo posible reducir o tempo de viaxe entre Pontevedra e Bueu. E, sobre a variante de Alba, avogou por pechar un trazado de consenso.

 

Asemade, puxo de manifesto o traballo que se está a desenvolver para que o novo complexo intermodal de Pontevedra estea operativo a finais deste ano. Así, recordou que incluirá un acceso directo desde a avenida Josefina Arruti, unha pasarela peonil cuberta e a mellora no entorno do río Gafos. E lamentou a falta de información por parte do Goberno central sobre a remodelación do Nó de Bombeiros.

 

O SANEAMENTO DA RÍA, UNHA PRIORIDADE

No eido das infraestruturas hidráulicas, dixo que o saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades. Nos últimos 11 anos, o Goberno galega leva investidos máis de 44 millóns de euros en infraestruturas e na explotación da EDAR de Praceres. Ademais de licitar a construción dun novo emisario submarino, estase a traballar na mellora do proceso de depuración da EDAR.  

 

Volveu amosar a súa disconformidade coas decisións do Goberno central, que están a xerar inseguridade xurídica e que afectan directamente á industria localizada nas nosas costas e ás decenas de empresas que viven do mar.

 

Tamén fixo fincapé nas melloras realizadas en materia de vivenda. Tras entregar ao final da pasada lexislatura máis de 130 de protección pública en Valecorvos, sinalou que se veñen de ofertar outros 6.000 metros cadrados de solo urbanizado con edificabilidade para 137 vivendas protexidas.

 

Por outra banda, citou tamén o Parque Empresarial da Reigosa e o Centro galego de Tecnificación Deportiva, ao que o Goberno galego destinou 4 millóns de euros na última década, se prevé complementar cun pavillón de ximnasia deportiva.