Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG pide á oposición que rectifique a súa deriva irresponsable por respecto aos que traballan por salvar vidas

02 Abr 2020

2, abril, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu á oposición que rectifique a súa deriva irresponsable por respecto a toda a xente que está traballando por salvar vidas, solicitándolle unidade, responsabilidade e lealdade institucional.

 

Deste xeito, incidiu na importancia de estar igual de xuntos que a sociedade á que representan posto que “Galicia non pode entender que mentres todos loitan unidos co mesmo obxectivo, os partidos estean nas súas liortas de sempre”; e remarcou que “o obxectivo de todo o mundo, e seguro que de todas as formacións, é salvar a maior cifra de vidas posible, non estar ocupados na confrontación” nunha situación na que todas as administracións deberían estar no mesmo bando nesta batalla. 

 

Nese senso, subliñou que as mensaxes que a oposición multipartita está a mandar á opinión pública non son aceptables xa que os que conforman e apoian ao Executivo de España piden lealdade cando non son capaces de ofrecela aos Gobernos autonómicos. Así, os mesmos socialistas que din que non se pode criticar a Sánchez lle botan en cara aos Gobernos autonómicos as cifras de falecidos; as mesmas Mareas de Podemos que din que a Sanidade está colapsada aseguran que non son necesarios os hospitais de reforzo; ou o mesmo BNG que pide que se poñan os recursos da Sanidade privada a disposición da Xunta critica ao Executivo galego cando emprega eses recursos.

 

“Nós hoxe pedímoslles que saian da súa cómoda actitude de comentaristas e sexan conscientes de que estamos ante unha pandemia na que está morrendo xente”, manifestou o número dous do PPdeG lembrando que cada día o presidente ten que dicir a dura verdade de que hai veciños hospitalizados, na UCI e que perden a vida mentres hai partidos que aproveitan para contar mentiras. “A verdade é o suficientemente dura como para non ter que inventala ou retorcela”, engadiu.

 

Como resaltou, os partidos da oposición saben que a única realidade é que hoxe hai 221 camas máis no Sergas que en 2008 -sen contar as que mobilizamos para facer fronte á pandemia-; Galicia inviste en Sanidade 470 millóns de euros máis ao ano que en 2008; na actualidade temos máis de 3.400 profesionais máis no Servizo Galego de Saúde que cando o PPdeG comezou a gobernar; e hai moitos días que se dispón do Plan de residencias. Igualmente, somos a Comunidade onde máis test se realizan grazas á previsión que permitiu poñer en marcha iniciativas como a dos test desde o coche, que logo copiaron outras Autonomías; e todo o noso sistema sanitario -incluído o privado- está a disposición do Sergas.

 

Do mesmo modo, recordou que o PPdeG calou cando o Goberno non fixo nada durante semanas, cando dixo que garantía o abastecemento  de material e non o fixo, cando garantiu a intervención de persoal asistencial en residencias e apenas fixo unhas desinfeccións, cando comprou máis de medio millón de test defectuosos e tamén cando se dedican a discutir entre socios e improvisan decretos. “Estivemos calando por respecto á situación na que estamos e ao Goberno, por iso non podemos admitir esta actitude da oposición en Galicia”, aclarou.

 

NON É TARDE

Durante a súa comparecencia telemática, Tellado fixo fincapé na necesidade de que o resto de partidos volva ao camiño da lealdade institucional, de que acepte que o primeiro é parar ao virus e non falar de quen o fixo mellor ou peor, de que recorde que as eleccións se suspenderon e que a súa actitude partidista non é a axeitada mentres o Goberno galego está centrado completamente en salvar vidas, “que é o importante, non os votos nin as siglas”.

 

“Non é tarde para que a oposición se coloque á altura da resposta exemplar da inmensa maioría da sociedade galega, dos profesionais da sanidade e dos traballadores dos colectivos esenciais que cada día acoden ao seu posto de traballo para que os demais poidamos estar máis seguros”, aseverou.

 

ANTICIPACIÓN, AXILIDADE, TRANSPARENCIA E LEALDADE

O secretario xeral tamén destacou o labor do Goberno galego que, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, foi un exemplo do que se lle debe pedir a unha administración nunha situación coma esta: anticipación, axilidade, transparencia e lealdade.

 

Tal e como indicou, a Xunta anticipouse ao declarar a emerxencia sanitaria cun número de casos moi baixo, o que permitiu evitar o colapso dos nosos hospitais, e ao conseguir o material necesario que desde o Goberno de España non se foi quen de lograr; foi áxil ao poñer medidas sanitarias, sociais e económicas enriba da mesa antes que ninguén e ao mobilizar todos os recursos; é transparente, pois está a comparecer case todos os días ante os medios de comunicación e ofrecéndolle información á oposición; e é leal ao Executivo central, sen perder a firmeza nas súas reivindicacións.