Feijóo pide o voto para todo o que nos une aos galegos que é moito máis que o que nos separan os partidos

19 Set 2016

Ferrol, 19 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto aos galegos por todo o que nos une e non polas diferenzas que se acentúan desde as formacións políticas xa que, segundo expresou, a nosa comunidade únenos moito máis do que nos separaran as siglas ou os partidos.

O candidato popular á Xunta, que participou nun mitin en Ferrol, recoñeceu que cre que, sen prexuízos, hai moitos cidadáns que votaron ao PSOE noutras eleccións que están máis preto do que representa o proxecto dos populares que el defende que do que sería o pacto que buscan os seus dirixentes. “E a eles eu lles pido o voto”, insistiu asegurando que el si se pode comprometer a que defenderá o seus intereses e prioridades porque el si cumpre.

 

Do mesmo xeito, apuntou que cre tamén que os votantes de Ciudadanos prefiren na súa inmensa maioría que o propio Feijóo presida a Xunta a que o faga outra opción. Nese senso, dirixiuse a todos eles para dicirlles que non agarden por un pacto que podería non producirse porque poden quedarse fóra do Parlamento. “Eu a eles lles pido o pacto antes das eleccións”, manifestou sinalando que ese é o máis seguro, sen sorpresas nin carambolas, e o que evitaría ter un presidente ou vicepresidente de Podemos.

 

Así mesmo, Feijóo pediu unir os votos moderados e os votos que queren a estabilidade para que ningún se quede fóra do Parlamento de Galicia. Do mesmo xeito, pediu a ese 70% de galegos que se senten tan galegos como españois que nos unamos nunha soa candidatura para que non digan que nos representan os que nos dan a elixir entre Galicia e España.

 

Igualmente, o presidente pediu unidade para que a nosa comunidade non se bloquee, para que o próximo día despois das eleccións sexa día de traballo para a Xunta e non de subasta no mercado dos sillóns; e para dedicarse ao que hai que dedicarse facéndoo xuntos.

 

UN PACTO POLA ESTABILIDADE DE GALICIA
Durante a súa intervención, Feijóo tamén falou dos pactos, matizando que el non ten moito interese en falar do pacto que o resto de partidos plantexan xa que só consiste en ir contra quen gañe.

 

Segundo explicou, trataríase dun pacto que xa coñecemos –o do bipartito- pero multiplicado por catro e sen saber moi ben quen o encabezaría posto que ningún é capaz de responder en que sería mellor un multipartito que o bipartito que foi un desastre para a comunidade.

 

Pola contra, incidiu en que o pacto que el propón é coa grande maioría dos galegos nas urnas: un pacto pola estabilidade de Galicia, un pacto por que Galicia non deixe de avanzar e unha coalición con Galicia, engadiu.

 

Síguenos nas redes sociais