Feijóo comprométese a estender o plurilingüismo ao 100% dos ciclos de educación infantil de 3 a 6 anos e tamén á FP

20 Set 2016

Vigo, 20 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor as medidas adoptadas grazas ás que cada vez máis nenos e nenas teñen unha educación trilingüe e comprometeuse a aplicala nos próximos anos ao 100% dos ciclos de educación infantil de 3 a 6 anos e tamén á formación profesional, ampliando ao mesmo tempo os programas de estadías para a aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Segundo engadiu, os populares buscarán dar unha mellor resposta ás tres cousas básicas que nos piden as nais e pais que teñen os seus fillos no ensino público galego: unha educación máis accesible, que teña aos mellores profesionais e que sexa máis acorde coas necesidades presentes e futuras.

 

Como asegurou, temos vontade e recursos para que na educación pública se aprendan máis idiomas; se aproveiten as vantaxes da tecnoloxía; se melloren os coñecementos básicos, como a lectura ou as matemáticas; haxa máis posibilidades de acceso; se recoñeza o esforzo e a excelencia; se prepare aos nenos e nenas para as necesidades sociais e económicas da Galicia de hoxe e mañá; e se siga contando con quen mellor coñece o que precisan os seus fillos, que son as nais e os pais galegos.

 

Nun acto sectorial sobre educación celebrado en Vigo, Feijóo manifestou que escoitar ás familias seguirá a ser a principal inspiración para deseñar a educación pública da próxima lexislatura. Así, avanzou que, a través dunha nova Lei, incrementarase a súa participación no Consello Escolar de Galicia e darase máis peso aos colectivos representantes da atención á diversidade.

 

En primeiro lugar, o presidente do PPdeG subliñou que a educación pública seguirá sendo máis accesible porque se está levando a cabo un esforzo sen precedentes para poñer a punto os centros de ensino. Como o investimento de 57,2 millóns de euros para que arredor da metade dos colexios e institutos teñan unhas instalacións modernas; así como a rede de transporte público máis extensa de España; o incremento dun 35% das prazas de comedor desde 2009; ou as axudas para libros a case 90.000 familias, xunto coa creación das axudas de 50 euros para material escolar ás familias con menos recursos.

 

EN GALICIA, MÁIS BARATO QUE EN NINGURES
Tamén neste ámbito engadiu que a FP ten hoxe un 50% máis de alumnos que en 2009 e Galicia conta coas taxas universitarias máis baixas de España. Como lembrou, o seu compromiso é garantir que estudar unha carreira sexa máis barato en Galicia que en ningures.

 

Así mesmo, a educación pública é e seguirá sendo máis accesible tamén para aqueles nenos e nenas que máis dificultades de acceso teñen, xa que máis do 90 por cento do alumnado con dificultades especiais está integrado normalmente nos centros ordinarios; facilítase o transporte e o comedor a escolares con algunha discapacidade; hai un protocolo de atención domiciliaria; e estamos entre as tres primeiras comunidades con máis alumnos recibindo apoio, porque hoxe hai 600 profesores máis especialistas en atención á diversidade.

 

REFORZAR AS PLANTILLAS DE PROFESIONAIS
Outro eixo prioritario en materia de educación, segundo sinalou Feijóo, é contar cos mellores profesionais, reforzando as plantillas agora que a recuperación económica fixo que o Goberno central levantara o límite nas ofertas públicas de emprego, tal e como a Xunta solicitara de forma pioneira.

 

Feijóo salientou que Galicia sexa na actualidade a comunidade autónoma con máis profesores por alumno, aínda que o PPdeG non se conforma con ter máis profesores, senón tamén por lograr que os docentes teñan unha mellor formación e unha maior capacidade de decisión. En concreto, anunciou os compromisos para, en colaboración coas universidades, introducir melloras no deseño dos graos de maxisterio e que os futuros docentes teñan unha mellor formación inicial; ampliar a oferta de formación permanente, cunha especial atención ás linguas estranxeiras; e incrementar a capacidade de decisión docente, reforzando os contratos programa, fomentando o proceso de actualización dos regulamentos orgánicos dos centros e creando un programa de apoio aos equipos directivos.

 

AULA DIXITAL
Así mesmo, Feijóo destacou que en Galicia cada vez hai máis nenas e nenos que reciben clases en aulas con ordenador. Neste senso, o obxectivo é que o 100% dos centros públicos galegos conten con acceso a redes de 100 megas en 2017, ao tempo que se habilita unha plataforma online para a aprendizaxe, cunha actualización permanente de contidos.

 

O presidente do PPdeG apuntou que cada vez hai máis nenos e nenas que rematan os seus estudos e cada vez con mellores resultados. Porén, avanzou o compromiso para mellorar as competencias de lectura e matemáticas, así como as competencias sociais en ámbitos como a seguridade viaria, a igualdade de xénero ou a oratoria.

Síguenos nas redes sociais