Feijóo pide unha excepción para Galicia aos que votaron ao PSOE e a Ciudadanos noutras eleccións

20 Set 2016

Lugo, 20 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto non só aos que antes votaron PP ou deixaron de facelo nalgún momento, senón tamén o dos que noutras eleccións votaron ao PSOE e a Ciudadanos.


Neste senso, incidiu en que é máis o que os une que o que lles une á alternativa que promoven ou favorecen os seus partidos “e porque creo que se poden facer unha excepción e é con Galicia”, precisou.

 

Como sinalou nun mitin celebrado en Lugo, o obxectivo que buscan os populares é moito máis que a vitoria dun partido e a derrota doutros: o obxectivo que buscan é unha excepción de estabilidade que non cae no bloqueo e a división; e que non perde un minuto e segue avanzando unida e con responsabilidade.

 

O que propón, por tanto, é esa excepción para a nosa comunidade á marxe do bloqueo e de consignas independentistas, unha excepción de estabilidade, responsabilidade e de traballo conxunto.

 

En definitiva, o que plantexa é que Galicia avance, unha política que constrúa e non quede nas descualificacións; e obxectivos comúns para que os galegos poidamos saír gañando.

 

O líder dos populares galegos pediu, por tanto, unir forzas a esa grande maioría dos galegos que prefire a moderación, non quere ter que elixir entre Galicia e España, e aposta por un goberno con capacidade para exercer.

 

De igual modo, Feijóo recordou que o nacionalismo sempre se dedicou a repartir carnés de bos e malos galegos, así como agora Podemos reparte carnés de xente, mentres que os dirixentes actuais do PSOE o que fan é méritos para que uns e outros lles dean o carné de bos galegos e de xente e así pactar.

 

Pola contra, tal e como expresou, el non cre nesa política que clasifica e divide cidadáns senón que considera que é moito máis o que nos une que o que nos separa. Por iso, subliñou que non pide o voto nestas eleccións preguntando aos cidadáns que votaron antes, senón que o pide propoñendo o que poden facer xuntos despois.

Síguenos nas redes sociais