Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado afirma que o Concello de Ferrol está “secuestrado por unha minoría absoluta”

16 Mar 2017

Ferrol, 16 de marzo de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, continuou este xoves en Ferrol coa rolda de reunións que está a celebrar con agrupacións locais do partido coa vontade de  “coñecer de primeira man as necesidades de cada lugar, identificar problemas comúns para dar solucións comúns, e aproveitar as sinerxias”. Así, valorou que o “O PP é o único partido que, respectando as características de cada lugar, pode manter un discurso único en todos eles, e celebrar encontros como este”.

No caso concreto de Ferrol, o secretario xeral lembrou que “hai dous anos, Ferrol tiña un rumbo claro, unha folla de ruta e un proxecto de cidade recoñecible”. En contraposición, valorou que na actualidade é “un concello secuestrado por unha minoría absoluta”, xa que os populistas teñen case a metade de edís que o PP. Así mesmo, ilustrou o seu argumento coa total ausencia de inversións municipais e o peor comportamento dos datos do paro que no conxunto de Galicia.

 

Do mesmo xeito, reprochoulle ao alcalde que “as Mareas presentáronse como nova política, á vangarda da transparencia e rexeneración, e a maior  achega á rexeneración que fixo Jorge Suárez foi a de gobernar con dúas tránsfugas, unha das peores expresións da vella política”.

 

Así, Tellado lembrou a necesidade de “fortalecer proxectos que conecten coa maioría”. “Os ferroláns hoxe xa sabemos que, malia que no Concello hai máis partidos, só hai dúas alternativas: rigor ou populismo; estabilidade ou caos; responsabilidade ou espectáculo”, recalcou, para concluír subliñando que “cada día que pasa, estamos máis preto de que o goberno das Mareas e das tránsfugas sexan un mal recordo do pasado”.

 

Igualmente, Tellado lamentou que os gobernos populistas “van camiño de queimar a metade do seu mandato, e en ningunha das  cidades podemos nomear un só proxecto que leve o seu selo”. Neste mesmo sentido, apuntou que están a perder a oportunidade para aproveitar os “ventos de cola” do crecemento económico a nivel estatal e autonómico. “A única pegada que están deixando é a da parálise, a mala xestión e o sectarismo” subliñou.

 

MESES DE PARÁLISE

Pola súa parte, a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Martina Aneiros Barros, destacou que, fronte a outras formacións, o Partido Popular na situación de caos que vive o concello de Ferrol amosa a súa unidade de acción para facer fronte á parálise do goberno da Marea.

 

Dende o PP veñen denunciando xa hai meses a mala xestión e o sectarismo diario da actividade municipal do goberno de Jorge Suárez. Un claro exemplo foi o vivido co saneamento: “un ano leva paralizado este tema debido á nefasta xestión do Señor Suárez e da súa actuación chapuceira, priorizando os intereses políticos por riba dos intereses dos veciños”, dixo.

 

Onte mesmo coñecíase a renuncia de dous membros do Consello de administración de EMAFESA, os representantes do PSOE, polo que “hoxe instamos a Jorge Suárez a que restableza con carácter inminente a representación no consello de EMAFESA, é urxente e prioritario regularizar e subsanar esta situación”, sinalou Aneiros.

 

Ademais, a popular recordou que hoxe tería que convocarse un pleno que supostamente se vai celebrar o próximo martes, pero da que aínda non se ten convocatoria algunha, “un pleno fantasma con puntos fantasma. A confusión vai aumentando día a día”.

Síguenos nas redes sociais