O Grupo Popular solicitará no pleno a creación de cemiterios para as confesións minoritarias con maior arraigo en Galicia

28 Mar 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 28 de marzo de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana o impulso á creación de cemiterios que atendan a demanda de soterramentos conforme aos requisitos das confesións minoritarias con maior arraigo en Galicia, como a musulmán ou a xudea. Así mesmo, demandará a elaboración dun programa de actos que conmemore o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.


Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, concretou que a sesión plenaria da vindeira semana inclúe 28 asuntos, dos que 22 son a iniciativa da oposición.


GOBERNO QUE COMPARECE


En concreto, o Pleno dará comezo coa comparecencia do conselleiro de Facenda, coa que se pecha as presenzas dos membros do Goberno galego para dar conta das liñas xerais de actuación nos seus departamentos para a presente lexislatura. “Estamos a falar dun Goberno que comparece e que acode ao Parlamento a render contas, do mesmo xeito que tamén o fixo o propio Presidente da Xunta para informar do contido e alcance da Conferencia de Presidentes”, apuntou Tellado.

 


Respecto das iniciativas que defenderá o Grupo Popular, o viceportavoz lembrou que “hai 30 anos que o Camiño de Santiago foi nomeado Primeiro Itinerario Cultural Europeo, polo que instamos á Xunta a conmemorar este aniversario cun programa de actividades”.

 


“Cremos que o Camiño de Santiago é un símbolo da nosa visión de Europa: cunha raíz no humanismo cristián, pero tolerante e integradora”, manifestou.

 


CEMITERIOS CONFESIÓNS MINORITARIAS

 


O Grupo Popular tamén leva ao Pleno da vindeira semana outra proposición non de lei, que recolle unha proposta do programa electoral co que o PPdeG se presentou ás últimas eleccións autonómicas, a través da que se insta á Xunta para que, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), se creen cemiterios adaptados ás confesións minoritarias.

 


Esta proposta responde ás dificultades que amosaron a representantes do PPdeG membros da colectividade xudea ou musulmán para atopar espazos nos que poder soterrar aos seus mortos segundo as súas costumes. “O Partido Popular de Galicia, ao contrario doutros grupos que fan bandeira do anticlericalismo, respecta profundamente o feito relixioso, non só como unha manifestación cultural senón tamén como a expresión dunha liberdade fundamental, como é a liberdade de culto”, explicou Miguel Tellado.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a posición que defendeu na Comisión Xeral das comunidades autónomas respecto da necesidade dun Plan nacional do ensino celebrada onte; sobre as familias que se teñen beneficiado do plan de axudas á natalidade; ou sobre a evolución por segmento da flota das descargas e vendas nos últimos anos no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste.

Read 402 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais