Tellado: “Valdeorras é un exemplo dos bos resultados da política económica e industrial de Galicia”

30 Mar 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Barco de Valdeorras, 30 de marzo 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participa este xoves en dúas reunións co responsable de minería de FICA-UGT Galicia, José Paradelo; e coa directiva da Asociación Galega de Pizarristas; así como nun encontro con membros do Comité Executivo do Barco de Valdeorras, acompañado polo presidente local e deputado autonómico, Moisés Blanco.

En declaracións aos medios de comunicación subliñou que a comarca “é un exemplo dos bos resultados da política económica e industrial” que se está a desenvolver en Galicia. Sobre este punto, lembrou que “logo de ser fortemente castigada pola crise, hoxe presenta uns grandes datos de recuperación de emprego e actividade”.

 

Neste sentido, Tellado destacou que o sector económico máis senlleiro da zona, o da pizarra, comezou o ano cun repunte de máis do 7% nas cifras de exportacións con respecto ao ano anterior, e consegue vender no exterior o 95% do volume dos seus produtos, o que supón un 60% do total nacional. Tamén recordou que nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 7 millóns de euros para contribuír ao aumento da competitividade destas empresas, así como na súa apertura cara aos mercados exteriores e o mantemento dos 2.500 postos de traballo directos que manteñen. “Innovación, internacionalización e emprendemento son os tres eixos da actual política económica galega, e nesta comarca temos boas testemuñas disto” recalcou.


INVESTIMENTOS NO RURAL
Durante a súa intervención, o secretario xeral tamén puxo enriba da mesa que para o impulso da actividade económica tamén é necesaria a aposta polas infraestruturas, e reiterou o apoio dos populares, tanto a nivel autonómico como estatal, cos proxectos de construción da Autovía A-76, e a mellora da conexión N-120 e N-536, entre Sobradelo e O Barco que, “malia o ano de bloqueo en Madrid, agardamos que se poida desenvolver con normalidade durante os próximos meses”.

 

Dun xeito similar, Tellado tamén quixo insistir na “oportunidade” que supón para a comarca moitas das medidas impulsadas recentemente pola Xunta, coma Plan de fixación de poboación no rural que, dotado con 230 millóns de euros, que incide especialmente en aspectos clave como a cohesión territorial, a innovación ou a remuda xeracional.

 

Así, insistiu en que “desde o Partido Popular de Galicia cremos que o futuro do rural está ligado á actividade económica nas nosas aldeas e á súa dotación de servizos básicos”. Por iso, lembrou que o Goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo impulsou os “Impostos Cero” e está a fomentar de xeito específico o emprendemento nos pequenos concellos; así como poñendo en marcha recursos sociais como as “casas niño”, unha das cales xa está implantada no núcleo valdeorrés da Veiga.

 

Read 109 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais